xoves. 22.05.2025
El tiempo

O surf como ferramenta de inclusión e de emprendemento en Razo

Surf en Razo
O surf como ferramenta de inclusión e de emprendemento en Razo

Poucos deportes teñen o impacto económico e social que ten o surf en Carballo. A campaña de verán comezou en Razo, con dúas vertentes moi marcadas, tanto en materia de inclusión como de emprendemento.

O surf adaptado: Un paso máis

Esta semana deu comezo á tempada de verán da Agrupación deportiva Un Paso Máis, e fíxoo cunha actividade que xa se ten convertido nunha das preferidas polos nenos e nenas da entidade: o surf adaptado. Xunto á escola Paüa Surf e co apoio das áreas de turismo da Deputación da Coruña e do Concello de Carballo, xa viviron a primeira xornada marabillosa na praia de Razo.

Crianzas a familiares, acompañadas do monitorado da escola, gozaron do mar ao máximo, permitíndolles vivir unha experiencia inesquecible. "A nosa intención é continuar con esta actividade durante todo o verán, mantendo a colaboración con Paüa, porque cremos firmemente no valor do deporte como ferramenta de inclusión e benestar", explican dende Un Paso Máis, que agradecen a colaboración do voluntariado.

A asociación aproveita para sinalar que xa teñen cubertas todas as prazas para as II Xornadas Formativas, que celebraremos este sábado no edificio Fórum de Carballo. 

Programa de emprendemento vinculado ao surf

Surf Emprende en Razo

Pero é que ademais, o surf é economía, é movemento, é emprendemento. Ademais da actividade hostaleria, a Concellaría de Promoción Económica e Turismo pon en marcha, a través do proxecto Red de Pueblos del Surf, unha proposta formativa dirixida a
persoas que queiran impulsar un proxecto empresarial vinculado ao turismo, o emprendemento local ou o surf.

O programa EmprendeSurf, é gratuíto e esta centrado en catro áreas de actuación:

  • 1. A definición do modelo de negocio, buscando o balance económico social e ambiental.
  • 2. O establecemento dunha estratexia de negocio a curto, medio e longo prazo.
  • 3. O deseño dun plan financeiro que permita coñecer onde, cando e canto gasta e gaña a empresa, para poder tomar as decisións máis axeitadas.
  • 4. A xestión da comunicación.

O obxectivo da Red de Pueblos del Surf -da que Carballo forma parte xunto coa Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol e os concellos de Castrillón (Asturias), Ribamontán al Mar (Cantabria) e Getxo (Biscaia)- é fomentar o desenvolvemento sostible a través do emprendemento costeiro.
Podes ampliar a información sobre o programa en

E se queres participar podes inscribirte ata o 23 de maio neste formulario online.

Máis novas

Comentarios