Carballo si lembra o #DíadeRosalía

Fernando Nieto sacou a gaita polo Día de Rosalía ao carón da nova placa morada da rúa carballesa que leva o seu nome

Galicia celebra cada 24 de febreiro o Día de Rosalía. Unha data especial pero pouco estendida pola comarca.

Si que nos parece interesante a iniciativa desenvolta en Carballo, coa identificación das rúas que levan nome de muller cunha cor violeta. Unha acción enmarcada nunha liña de actividades que comezaban co Día do Amor, e por exemplo, a interesantísima ponencia do psicólogo Sergio Trillo sobre o “Amor Romántico”, e que continúa ata o Día da Muller.

Desta volta, polo Día de Rosalía, o Concello vén de cambiarlle a cor á placa da rúa que leva o seu nome, nun acto no que Fernando Nieto puxo a nota musical ca súa gaita. Ao longo destes días fará o propio con outras 12 rúas: Maruja Mallo, Carolina Otero, Clara Campoamor, Concepción Arenal, Emilia Pardo Bazán, Luísa Villalta, María Barbeito, María Casares, María Mariño, Syra Alonso, Sofía Casanova e Xoana de Vega.

De aquí ao #8M tamén continúa a campaña informativa sobre o traballo do Centro de Información á Muller (temos visitado xa o CIM de Zas se iluminará o Concello de morado, e se volverá facer unha concentración telemática a través da plataforma www.carballoenrede.com, que permitirá ver sobre o mapa de Carballo cantas persoas hai conectadas en cada momento.

No IES Parga Pondal

Son moitos os centros da comarca que celebran hoxe a data. Por exemplo no IES Isidro Parga Pondal, o Departamento de Lingua Galega, o equipo de EDLG e a Biblioteca do Centro prepararon diversas actividades, entre as que se atopan unha liña temporal no panel de entrada ao centro, un podcast e unhas montaxes de vídeo realizadas con alumnado e exalumnado do IES recitando diversos poemas de Rosalía.

Tamén colaboraron varios exalumn@s que realizaron unha serie de actividades encamiñadas a que toda a Comunidade Educativa puidese coñecer polo miúdo a figura da nosa poeta máis universal. Completáronse as actividades coa elaboración dun vídeo gravado no patio do centro recitando o poema “Negra sombra” en varias linguas:

Aquí vos deixamos co recital virtual do IES na Biblioteca Rebolo:

Novas relacionadas

Outras novas do 8M