Xoves. 06.05.2021
El tiempo

CIM de Zas: "Temos máis casos de atención psicolóxica que durante o confinamento"

  • "Agora a xente está tocando fondo, hai unha resaca de todo o vivido, e unha desesperanza e incerticeza do que toca por vivir".
  • "A violencia de xénero está enquistada. En tempos de crise convívese coa agresión física e psicolóxica".
María Del Carmen Espasandín Lema e Lara Rod de las Heras no CIM ZAS
María Del Carmen Espasandín Lema e Lara Rodíguez de las Heras, profesionais do CIM ZAS
CIM de Zas: "Temos máis casos de atención psicolóxica que durante o confinamento"

O Centro de Información á Muller (CIM) de Zas, activo dende 2001, atende a mulleres en situación de vulnerabilidade (non só a vítimas de violencia de xénero) dos concellos de Vimianzo, Cabana, Laxe e Zas. O pasado 2020, o CIM atendeu 316 consultas de 73 mulleres, unha cifra algo menor que a de 2019, cando o CIM atendía 530 consultas e rexistraba 74 mulleres.

Evidentemente a pandemia marca a paita de todo, tamén do traballo do equipo do CIM, formado por unha psicóloga (Lara Rodríguez de las Heras), un asesor xurídico (Jose Manuel Franco Pena) e a directora (María Del Carmen Espasandín Lema). Un equipo que destaca a necesidade de atención psicolóxica (que foron un terzo das consultas) como a maior necesidade que teñen as nosas mulleres neste estrano ano.

Igualmente as mulleres fixeron tamén un cento de consultas sobre asesoramento xurídico, ademais doutras 56 consultas de cuestións máis xenéricas, 23 sobre os diferentes recursos existentes, e apenas 27 de atención directa a vítimas de violencia machista.

Atención Psicolóxica

”O centro está enfocado a traballar a violencia de xénero, pero estamos para axudar a todas as mulleres para todo”; explica Espasandín. “A pandemia bloqueou, e paréceme moi significativo a cantidade de atención psicolóxica durante a pandemia. A psicóloga non parou de traballar por skipe e por teléfono”, sinala a directora.

”Estase notando en todos os sentidos”, explica a psicóloga De las Heras. “Estamos recibindo pacientes que xa estaban acudindo a consulta, por depresión e outras doenzas… e tamén usuarias novas, polo grande que se lle está facendo sobre todo esta última parte do ano, máis aínda que no confinamento”, sinala. “En marzo, abril, maio… non eran conscientes. Agora a xente está tocando fondo, hai unha resaca de todo o vivido, e unha desesperanza e incerticeza do que toca por vivir”, detalla. “Non me estrañaría que dentro dun ano vaian caendo moitas máis”.

"Todo inflúe, aquí en verán foi máis controlado, pero agora nos está tocando a todos. Na miña consulta privada de Carballo se cancelan citas todas as semanas por corentena ou directamente por contactos”, sinala. “Son moitas as mulleres que veñen por fobias, medo ao contaxio, culpabilidade por ter contaxiado a alguén, baixa autoestima, mulleres moi autocríticas e esixentes…”.

Violencia de Xénero

Como vemos non só casos de violencia de xénero está tratando o CIM, pero a situación está sendo tamén moi complicada nese eido. “Non é que haia máis casos, notamos un incremento sobre no sentido en que os problemas están enquistados, non evolucionan. Os casos de violencia de xénero seguen sendo os que levabamos tratando, manténdose cada día máis insostible. Sen ter eses espazos para saír un pouco, a ver ás familias, a unha amiga… todo é máis complicado”, explica De las Heras.

Espasandín tamén explica como está a situación: “Cando hai crise económica, se aguanta máis, non só a nivel violencia de xénero, incluso nunha separación ou un divorcio. A situación económica sempre é un condicionamento importante”.

E pon exemplos do “desamparo” que pode sufrir unha muller quere separarse, pero está traballando na hostalería e queda sen traballo. “A independencia económica é fundamental; e por isto cada vez aguántase máis, e en casos de crise… isto vai para longo. Convívese coa agresión física e psicolóxica. “Como podo saír se non teño nada?”, pensan moitas”.

Axudas

As profesionais, que si que botan de menos poder intercambiar opinións coas profesionais, recoñecen que unha das partes que se poderían mellorar son as axudas. “Tramitamos axudas, de 600-700 €/mes, depende se teñen fillos… pero son temporais, un ano máximo. Están pensadas só para recuperarse, e penso que non é suficiente”, explica Espasandín.

Que ofrece o CIM

O CIM pode facilitar información sobre cuestións xurídicas en canto a separacións, divorcios,…; axuda psicolóxica; laboral, educativa así como calquera outra información encamiñada a fomentar a igualdade das mulleres. Ademáis, dende o CIM tamén se informa e asesora ás mulleres sobre os recursos existentes para a prevención da violencia e préstaselle axuda ás vítimas de violencia machista.

Actividades

Un dos programas de maior éxito e que se realiza ano tras ano son as actividades para adultos nas que se inclúen as clases de ximnasia, zumba, pilates, bordado,… e moitas máis. Concretamente no 2020 participaron 332 mulleres e 57 homes aínda que se viron interrumpidas pola pandemia provocada pola Covid19.

O CIM está máis activa arredor do 8 de marzo, Día Internacional da Muller; ou o 25 de novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller. Nestas datas realízanse diferentes obradoiros e charlas que se realizan principalmente nos centros de educación do noso municipio.

Como contactar

O CIM de Zas está situado no antigo edificio da Cámara Agraria de Zas, na Travesía de Santiago, nº 40.

As persoas que o necesiten poden poñerse en contacto co persoal do centro a través do número de teléfono 981 70 83 03 en horario de luns a venres de 08:00 a 15:00 horas.

CIM De Zas

Novas relacionadas coa Violencia de Xénero

 

DIRECTOSQPC EN CLAVE FEMINISTA

comentarios