Carballo e Muros acollen novas reunións de mestres das Asembleas Abertas do Ensino Público

As Asembleas Abertas do Ensino Pública, esas xuntanzas de mestres e familias creadas no mes de febreiro en toda Galicia, volven convocar unha serie de xuntanzas comarcais en todo o país.

Esta semana terá lugar o vindeiro mércores 15 de abril, ás 18:00 horas, no CEIP Bergantiños de Carballo.
Ademais, o xoves 16 de abril desenvolverase no IES Fontexería de Muros.

Esta convocatoria dá continuidade á asemblea celebrada recentemente en Carballo, que contou cunha participación destacada de profesorado, familias e outros axentes da comunidade educativa, e na que se puxeron en común as principais preocupacións que afectan ao ensino público na comarca.

Nos últimos meses, o profesorado de ensino infantil, primaria, secundaria e formación profesional estase a organizar en diferentes zonas de Galicia a través das Asembleas Abertas do Ensino Público, unha iniciativa que xurdiu en Vigo no mes de outubro e que non deixou de medrar desde entón. O seu obxectivo é claro: a mellora da calidade do ensino público.

Desde o colectivo denuncian unha situación de desatención por parte da Administración educativa, que se traduce en recortes de persoal, sobrecarga burocrática e deficiencias nas infraestruturas dos centros. Esta realidade, sinalan, dificulta ofrecer unha educación que responda ás necesidades do alumnado, especialmente no relativo á atención á diversidade.

FOLGA

A nova asemblea en Carballo pretende continuar fortalecendo este espazo de encontro e debate, aberto á participación de toda a comunidade educativa: docentes, persoal non docente, familias, ANPAs, representantes dos Consellos Escolares e organizacións sindicais.

Ademais, esta xuntanza enmárcase nun proceso máis amplo de mobilizacións en defensa do ensino público galego. As Asembleas Abertas, xunto cos sindicatos CIG-Ensino e STEG, acordaron convocar unha folga no ensino o vindeiro martes 28 de abril, á que se uniu tamén o Sindicato de Estudantes. Así mesmo, estase a impulsar unha convocatoria unitaria de mobilizacións descentralizadas para o mércores 6 de maio en máis de 20 vilas e cidades de toda Galicia.

As Asembleas Abertas do Ensino Público subliñan a importancia de abrir espazos de debate en cada comarca, que permitan compartir propostas e artellar respostas colectivas. Por iso, fan un chamamento á participación de toda a comunidade educativa da Costa da Morte nesta nova xuntanza en Carballo.