O profesorado do IES Fernando Blanco denuncia o "abandono institucional" e o risco para a seguridade do alumnado
Este ano 2026 conmemórase o 140 aniversario da inauguración do Instituto Fernando Blanco de Cee. Pero o que debería ser un curso che de boas novas, estase a convertir nunha pelexa. A "inacción prolongada" e "a falta de investimentos" da Xunta e o deterioro do edificio están poñendo en serio risco o legado dun dos centros culturais máis importante da historia contemporánea da comarca de Fisterra.
O institivo presenta relevantes deficiencias estruturais que foron comunicadas de forma reiterada ás Administracións correspondentes tanto polo actual Equipo Directivo como polos anteriores. No entanto, as administracións competentes seguen sen dar resposta efectiva a estas demandas. Esta situación non só acelera a deterioración das instalacións, senón que compromete gravemente a seguridade, o benestar e a calidade educativa que merecen tanto o alumnado como o persoal do centro.
Así o entende a maioría de profesores e profesoras do centro ceense, que veñen de asinar un manifesto no que denuncian todas estas eivas, que compromete a calidade educativa e a integridade física da comunidade, e que mesmo supoñen un "perigo real" para o alumnado e o profesorado. Estas son algunhas das deficiencias:
- Filtracións e accidentes: Os tellados precisan unha reforma profunda. Na actualidade, o alumnado convive con caldeiros e xornais no chan para recoller a auga, o que xa ten provocado caídas e accidentes.
- Risco eléctrico e de infraestruturas: O sistema eléctrico sofre cortes constantes, especialmente nos talleres de Automoción. Ademais, as cubertas exteriores de uralita atópanse oxidadas e en estado de abandono.
- Climatización deficiente: O centro conta con sistemas obsoletos que non combaten a elevada humidade nin proporcionan unha temperatura adecuada para o ensino.
- Masificación e falta de espazo: Denúnciase que as aulas de Educación Física non se adaptan á normativa e que a familia profesional de Automoción carece de vestiarios.
"Non podemos poñernos de perfil"
O profesorado asinante subliña que estas demandas foron comunicadas reiteradamente polas direccións do centro sen obter unha resposta efectiva. Ademais das queixas estruturais, reclaman a cobertura inmediata dunha praza de conserxería vacante desde hai máis dun ano e medidas para mellorar a seguridade viaria nos accesos ao instituto, onde a velocidade dos vehículos supón unha ameaza constante.
"Defender o IES Fernando Blanco é defender o legado de D. Fernando Blanco de Lema, defender a educación pública e defender o dereito do noso alumnado a aprender nun centro seguro, moderno e acorde ao século XXI.", afirman no manifesto.


