Carballo ten nova data para a Feira Social de entidades
AECC, ALCER, Fundación Érguete Integración, Cruz Vermella, Un Paso Máis, O Legado de Max, Afaber, Cáritas, Aspaber, APEM, Íntegro, Vieiro, Lenda Educativa e Senegaleses Carballo.
Estas son as entidades sociais protagonistas do II Feirón en rede Carballo Solidario. O evento, adiado en abril polo mal tempo, converterá a Praza do Concello na mañá de domingo 24 de maio, coincindo coa feira, nun escaparate do traballo que desenvolven as entidades sociais
As 14 entidades sociais que desenvolven a súa actividade no concello abrirán, dende as 10:30h, un posto no que poderá dar a coñecer o seu traballo, ofrecer información e desenvolver actividades de sensibilización dirixidas ao público asistente, entre elas un obradoiro de reutilización de redes da pesca, unha exhibición de música do Senegal ou un taller de chapas.
Este ano tamén se leva a cabo de xeito paralelo a exposición "Que pasaría se non existisen as entidades sociais?," que pode verse na propia Praza do Concello.
Trátase dunha iniciativa pensada para reflexionar sobre o papel esencial que desempeña o tecido asociativo na sociedade e para facer visible o impacto real do seu traballo no día a día da veciñanza.
O programa completarase cun servizo de canguraxe e animación infantil, co obxectivo de facilitar a conciliación das familias, así como cunha actuación musical a cargo da Charanga Benofán, que contribuirá a dinamizar o ambiente durante a mañá.