mércores. 30.04.2025
El tiempo

A Feira Social de Carballo tece mundos

Feira Social Carballo-Erguete
A Fundación Érguete-Integración levou o proxecto Tecendo Redes
A Feira Social de Carballo tece mundos

Grelos e churros maridan de marabilla coa acción social. Así se demostrou este pasado domingo na praza do centro de Carballo na primeira edición do “Feirón en Rede”, unha iniciativa do Concello de Carballo para poñer en valor o traballo de 13 entidades sen ánimo de lucro que traballan en Carballo para o benestar da sociedade, axudando, principalmente, aos máis necesitados.

Cada unha delas (AECC, Afaber, Alcer, APEM, Aspaber, Cáritas-Arroupa, Cruz Vermella, Fundación Érguete-Integración, Humana, Íntegro, Un paso máis e Vieiro) contou cun postiño aproveitando o feirón dominical. Acompañou o tempo ademais e o corazón carballés foi un fervedeoiro de actividade.

Feira Social Carballo-Un Paso Máis

Despois de levar unhas rabizas, un pouco de mel, ou mercar uns churros, as xentes da comarca paseábanse polos postos das entidades para botar un ollo cales eran as súas actividades e os seus obxectivos.

As responsables de Un Paso Máis explicaban o seu traballo polos rapaces con necesidades educativas específicas; os usuarios Aspaber realizaban talleres de manualidades; a familia de Vieiro deixaba as súas gafas que simulan andar baixo os efectos do alcol ou as drogas; o resposable de Humana explicaba o proceso de reciclaxe da roupa que deposita a veciñanza carballesa nos contedores; Íntegro abría as portas á rapazada do proxecto de reciclaxe de plástico Diversiplás; ou as técnicas da Fundación Érguete-Integración debullaban o seu proxecto Tecendo Redes, que fomenta a reinserción sociolaboral de internos do Centro Penitenciario de Teixeiro, usando as redes recicladas, e aprendendo da redeira de Corme, Rosa Rodríguez, para realizar redes de canastas, porterías e bolsas para balóns para colexios e clubs da Costa da Morte.
Momentos ben fermosos ademais se viviron entre as entidades, con xentes dunha preguntando e participando nas actividades das compañeiras, como ese interno de Teixeiro que se probou as gafas de Vieiro ou esa usuaria de Aspaber que quixo aprender a tecer canastas de redes.

Feira Social Carballo-Aspaber

Ao final da zona, as alumnas do curso de atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais que se celebra no Fórum Carballo estiveron tomando a tensión e atendendo ás ducias de persoas que aproveitaron para facer unha revisión rápida.

Feira Social Carballo-Coidados
Feira Social Carballo-Coidados

Todo, amenizado ademais polo pasarrías das Brassica Rapa (o nome é o nome en latín do grelo), unha brass band formada integramente por mulleres, que tocan instrumentos de vento metal e percusión e crean unha atmosfera alegre coa súa música, de repertorio coñecido e fresco, coa que a festa está asegurada.

Feira Social Carballo-APEM

Feira Social Carballo-Afaber

Feira Social Carballo-Humana

Máis novas

Comentarios