mércores. 08.04.2026
El tiempo

As entidades volverán vender o seu traballo na Feira Social de Carballo

xuntanza entidades - en Carballo
Reunión de entidades realizada esta semana
As entidades volverán vender o seu traballo na Feira Social de Carballo

Mantén a aposta o Concello de Carballo pola Feira Social. A praza do Concello acollerá o domingo 12 de abril a segunda edición do Feirón en rede “Carballo solidario”, unha iniciativa que busca poñer en valor o traballo das entidades sociais do municipio e achegalo á cidadanía.

O escenario da actividade será a Praza do Concello, na que se darán cita 14 entidades sociais que desenvolven a súa actividade no noso concello:

  • AECC,
  • ALCER,
  • Fundación Érguete Integración,
  • Cruz Vermella,
  • Un Paso Máis,
  • O Legado de Max,
  • Afaber,
  • Cáritas,
  • Aspaber,
  • APEM,
  • Íntegro,
  • Vieiro,
  • Lenda Educativa e
  • Senegaleses Carballo.

Esta semana celebrouse unha nova xuntanza de coordinación, na que se ultimaron os detalles tanto da exposición como do propio evento, e que contou coa participación do alcalde, Daniel Pérez; a concelleira de Servizos Sociais e Igualdade, Maica Ures; o concelleiro de Feiras e Mercados, Ramón Varela, e a concelleira de Cultura e Festas, Maruxa Suárez.

O alcalde subliñou a importancia do traballo conxunto: “Carballo é un concello cun tecido asociativo moi activo e comprometido, e desde a administración local temos a responsabilidade de apoiar, visibilizar e colaborar con todas estas entidades que contribúen a construír unha sociedade máis xusta e solidaria”.

Feiron en rede entidades Carballo 2026

Exposición e actividades

Durante a xornada, que arrincará ás 10.30 horas, cada entidade disporá dun posto no que poderá dar a coñecer o seu traballo, ofrecer información e desenvolver actividades de sensibilización dirixidas ao público asistente, entre elas un obradoiro de reutilización de redes da pesca, unha exhibición de música do Senegal ou un partido de fútbol 5 (fútbol para invidentes).

Unha das principais novidades desta edición será a exposición Que pasaría se non existisen as entidades sociais?, que se instalará ao aire libre na propia Praza do Concello. Trátase dunha iniciativa pensada para reflexionar sobre o papel esencial que desempeña o tecido asociativo na sociedade e para facer visible o impacto real do seu traballo no día a día da veciñanza.

O programa completarase cun servizo de canguraxe e animación infantil, co obxectivo de facilitar a conciliación das familias, así como cunha actuación musical a cargo da Charanga Benofán, que contribuirá a dinamizar o ambiente durante a mañá.

Comentarios