A CMAT celebrará o V Encontro de Turismo da Costa da Morte o 11 de novembro
A Costa da Morte Asociación Turística (CMAT) organiza o V Encontro Anual de Turismo da Costa da Morte, que terá lugar o martes 11 de novembro de 2025 no Pazo de Villar de Francos (Carballo). O evento conta coa financiación da Axencia Turismo de Galicia e a colaboración da
Deputación da Coruña.
Esta cita, xa consolidada como un referente para o sector turístico da comarca, busca favorecer o intercambio de experiencias, fortalecer a colaboración entre entidades, fomentar sinerxías e consolidar unha rede de traballo conxunto en favor dun turismo sostible e de calidade.
Durante a xornada, a asociación fará balance das accións e proxectos desenvolvidos ao longo do ano, compartindo resultados, novas propostas e retos de futuro para seguir facendo medrar o destino. Ademais, renderase homenaxe ás mulleres do territorio, recoñecendo o labor do colectivo das palilleiras, que elaborarán o agasallo que se entregará ao ou á embaixador/a desta edición.
O Pazo de Villar de Francos, escenario escollido para esta edición na última reunión da Xunta Directiva, é un espazo cargado de historia e simbolismo. O edificio ergueuse arredor dunha antiga torre defensiva do século XVI e desenvolveuse ao longo do XVII. Durante anos foi residencia do marqués de Atalaya, que o habitou ata a década dos noventa.
Nesta quinta edición tamén se fará entrega do III Premio Embaixador/a Costa da Morte, recoñecemento á traxectoria e compromiso coa promoción da comarca. A persoa elixida sumarase así a Bieito Romero, membro fundador do grupo Luar na Lubre, e a Jorge Mira, catedrático de Física Aplicada da USC, distinguidos nas dúas primeiras edicións do galardón.
Para máis información ou confirmación de asistencia, contactar co equipo de Asistencia Técnica da CMAT no 621 25 63 91 ou en comunicacion@visitacostadamorte.com.