Venres. 03.05.2024
El tiempo

O III Encontro de Turismo da Costa da Morte, a festa do Xeodestino

  • O catedrático baiés da USC Jorge Mira recibiu o premio ‘Embaixador da Costa da Morte 2023’, que a CMAT entrega este ano por primeira vez
III Encontro Turismo Costa da Morte
O III Encontro de Turismo da Costa da Morte, a festa do Xeodestino

Máis de 140 asistentes participaron onte no III Encontro de Turismo de Costa da Morte. O Complexo Turístico A Torre de Laxe, acollía esta cita anual do sector, organizada pola entidade Costa da Morte Asociación Turística (CMAT), á que acodiron representantes da Asociación de Profesionais Turísticos da Costa da Morte (APTCM), dos 17 concellos, e diferentes entidades de turismo na Costa da Morte.

O presidente da CMAT e alcalde de Zas, Manuel Muíño, inaugurou a xornada dando unha cálida benvida aos participantes. "É un honor dar inicio a este evento que simboliza a unión e o esforzo conxuntos para potenciar o turismo na Costa da Morte. Este encontro é a expresión viva da colaboración que define á CMAT", expresou Muíño, quen se amosou optimista sobre o porvir do sector turístico do xeodestino.

III Encontro Turismo Costa da Morte 3

A continuación, o director de Turismo de Galicia, Xosé Manuel Merelles, tivo tempo para compartir as súas reflexións sobre o futuro do turismo en Galicia e na Costa da Morte. “Estamos ante un momento crucial para o turismo, e é inspirador ver á CMAT liderar iniciativas que marcarán o camiño cara a un crecemento sostible”, comentou Merelles.

Pola súa banda, o vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, destacou a relevancia dos Plans de Sostibilidade Turística en Destino no territorio. "A planificación sostible é esencial para salvar a beleza da Costa da Morte; este encontro é un paso adiante nesa dirección", afirmou Regueira.  Regueira apuntou, ademais, a necesidade de apostar pola innovación, “temos o producto, e tamén o talento e a creatividade para desenvolvelo do mellor xeito”, afirmou. Ademais, sinalou a Costa da Morte como exemplo de sustentabilidade, “explotando os recursos naturais e turísticos dende o máximo respeto, facendo as cousas ben e pensando no futuro da sociedade e do planeta”.

III Encontro Turismo Costa da Morte 2
Xosé Regueira tomando a palabra

EMBAIXADOR

Jorge Mira embaixador Turismo Costa da Morte
A alcaldesa de Fisterra, Áurea Domínguez, entregou o galardón a Jorge Mira

A entrega do recoñecemento a catedrático baiés Jorge Mira como Embaixador da Costa da Morte “foi un momento emocionante”, no que se recoñeceu o labor destacado do polo seu “compromiso coa terra e incansable traballo a prol do desenvolvemento turístico da Costa da Morte e a súa proxección internacional”. "Este recoñecemento como Embaixador da Costa da Morte é un privilexio que comparto con toda a comunidade”, destaco Jorge Mira. “Sempre é unha honra recibir un premio, pero máis aínda na miña terra, no meu fogar, e sendo o primeiro en acadalo; estou orgulloso e agradecido de poder contribuír ao esforzo colectivo por potenciar o desenvolvemento turístico do xeodestino e proxectar internacionalmente o nome da Costa da Morte”, engadiu emocionado o premiado.

O galardón foi este ano 2023 unha peza senlleira, realizada polo ceramista Nacho Porto, inspirada nos cornos e coa función de altofalante, elaborada cunha fórmula matemática en colaboración coas tres Universidades galegas. “O propósito é que o obsequio sexa diferente cada ano, coa intención de poñer en valor e darlle visibilidade aos artesáns e artesás da Costa da Morte e ao patrimonio artístico e etnográfico do territorio”, destaca a CMAT.


SIDTEC

Posteriormente, Emilio Cuíñas, de Autoxiro, expuxo o proceso e resultados da implantación do Sistema Integral de Calidade Turística en Destino (SICTED) na Costa da Morte. "Representa un paso significativo cara á excelencia turística, evidenciando o compromiso de todo o sector coa calidade e o traballo en rede”. Nuria P. Espasandínde Toxio.gal, falou sobre as novas fórmulas de promoción de destinos en liña que “están á nosa disposición e só toca aproveitalas ben, pensando no público, vendendo emocións que poidan chegar a deixar pegada”. Óscar Blanco, de Trevinca Skies, ofreceu os seus coñecementos sobre astrofotografía e astroturismo, e as inmensas posibilidades que ten este produto no destino. “Explorar os ceos da Costa da Morte a través da do astroturismo é abrir as portas a un universo de experiencias únicas.”

O secretario da CMAT e presidente de APTCM, Pepe Formoso, concluíu a xornada destacando o papel fundamental do asociacionismo empresarial no desenvolvemento turístico do xeodestino. “A unión fai a forza, e só co asociacionismo lograremos avanzar no turismo da Costa da Morte. Imos polo bo camiño pero os empresarios tamén precisamos da unión coas administracións locais e autonómicas. Temos que ir todos da man”, afirmou Formoso.

 

 

Comentarios