Unha exposición social para quecer motores para un Feirón en Rede que se adía polo tempo

O II Feirón en rede, a feira social de Carballo que trata de poñer en valor o traballo das entidades sociais que operan na vila ten que adiarse Estaba previsto para este domingo 12 pero que, á vista das previsións meteorolóxicas adversas, queda en suspenso á espera de fixar nova data.

Con todo, o Concello estreaba esta semana unha exposición que formula unha pregunta clave para a reflexión cidadá: "Que pasaría se non
existisen as entidades sociais?" A través dunha serie de paneis informativos, os visitantes poden descubrir o labor vital que realizan asociacións creadas no noso concello ou que desenvolven nel a súa actividade.

O acto de inauguración contou coa presenza do alcalde, Daniel Pérez, así como de varios concelleiros e concelleiras da corporación municipal, e representantes das 14 entidades participantes no proxecto: AECC, Afaber, Alcer, APEM, Aspaber, Cáritas, Cruz Vermella, Fundación Érguete-Integración, Íntegro, Lenda Educativa, O legado de Maxe, Senegaleses de Carballo, Un paso máis e Vieiro.

Os representantes municipais destacaron a importancia de traballar en rede e de apoiar o labor destas organizacións, que actúan como piar fundamental para dar resposta a necesidades sociais que, doutro xeito, quedarían sen cubrir. “Detrás de cada entidade hai persoas que coidan, acompañan e transforman vidas; esta mostra é un recoñecemento a ese labor silencioso pero fundamental”, manifestou o alcalde. A exposición pretende, así, sensibilizar á cidadanía sobre a relevancia deste traballo colectivo e fomentar o compromiso social.

Máis novas