Os percusionistas do IES Parga Pondal suman os seus xilófonos á maxia do Conservatorio
Fermosa colaboración a vivida esta semana no Pazo da Cultura de Carballo. Por primeira vez uníanse dúas entidades como o IES Parga Pondal e o Conservatorio de Carballo para realizar un proxecto musical conxunto, abríndolle ás portas dun espazo privilexiado como o CMUS a todo un implicado alumnado.
Xa temos visto ao alumnado do IES carballés cantando o espectacular concerto de Nadal dirixido por Xusto Xouto emais triunfar no tiktok coas súas versións a través do xilófono coordinadas polos metres Vanesa Lorenzo e Paulo Padrón Santamarina.
Precisamente dese potencial en materia de percusión que ten o alumnado, e no marco da VII Semana Cultural do centro, comezou a xurdir esta colaboración, que se fixo real no marco do comezo da VII Semana da Música, sinal de identidade do centro carballés. Cos os arranxos realizados polo propio Padrón, este pasado mércores o alumnado de 1º e 2° Bacharelato de Música, participou coa Orquestra Orff nun concerto didáctico man a man coa orquestra, banda e ensamble do Conservatorio de Carballo.
Todo un fito, se ademais temos en conta que o publico estivo formado polos centros de Primaria da contorna. Unha verdade experiencia que abre moitas fiestras no mundo da música.
”O departamento de Música, coa axuda desinteresada de equipo docente e non docente, está ao fronte desta iniciativa que pretende que o alumnado poida desfrutar da música nun contexto máis formal así como enriquecerse e aprender compartindo escenario con outras persoas e agruapcións co fin de garantir novas experiencias e recordos musicais”, explican dende o IES, que agradecen a implicación da mestra Lorena Varela Amboage, e a profesora e o director do CMUS de Carballo, Emma Urango e Javier Bardanca.
En breve enviarán os vídeos!