Rubén Lorenzo presentou a súa candidatura polo PP carballés

Presentaba onte nun ateigado auditorio do Pazo da Cultura, a súa candidatura á alcaldía de Carballo Rubén Lorenzo. Arroupado pola comitiva provincial do PP, co secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, e o presidente provincial, Diego Calvo, Rubén Lorenzo asegurou estar desexando chegar xa ás eleccións do vindeiro 28 de maio de 2023.

No se discurso puxo fincapé en que a “unión e ao traballo” son vía para conseguir que Carballo recupere a súa condición de cabeceira de comarca e “volva ser a locomotora que tira da Costa da Morte”. Criticou a existencia dese “mantra de conmigo ou contra min que marca a maneira de facer política do BNG en Carballo”. “Somos a única alternativa dun proxecto esgotado do BNG” e “imos buscar unha maioría para cambiar as cousas, para demostrar que se pode gobernar doutra maneira”.

“Temos que saír a por todas. Carballo é o do Partido Popular”, en referencia aos resultados nas Autonómicas, “e, por tanto, debemos convencer a toda esa xente de que o proxecto de Rubén Lorenzo é o mellor para poñer fin a unha etapa nacionalista que xa está caduca”, indicou Diego Calvo.

Foi Paula Padro a máis crítica co BNG. “Carballo leva 20 anos lastrado por un goberno do BNG que é o mellor exemplo do ‘non’ sistemático a todo e da contradición constante que caracterizan aos nacionalistas galegos”.

Protestas ás portas

Ás portas do Pazo da Cultura, as traballadoras do Servizo de Axuda no Fogar aproveitaron a presencia de mandatarios populares para continuar coas súas mobilizacións e esixir un convenio xusto.