Volven urxir a Xunta que abra a lagoa de Baldaio ao mar
O alcalde de Carballo, Daniel Pérez, e o concelleiro Luis Lamas volvéronse desprazar hoxe ata o espazo natural de Baldaio para comprobar a gravidade da situación na que se atopa a lagoa. O Concello vén de reiterar por vía oficial e urxente unha petición á Dirección Xeral de Patrimonio Natural da Xunta de Galicia para que actúe de inmediato ante o peche total da canle ao mar, que permanece bloqueada por mor da acumulación de sedimentos dende o pasado mes de maio.
Esta reclamación dálle continuidade á comunicación que o concelleiro de Medio Ambiente, Miguel Ángel Vales Mallo, xa trasladara o pasado mes de xuño ao Departamento Territorial da Coruña, sen que ata o de agora se tomase ningunha determinación por parte do organismo autonómico competente. A última acción mecánica foi no mes de decembro pasado cando as inundacións eran imparables.
Durante a visita, os representantes municipais lembraron que non se trata dun feito illado. O sistema costeiro de Baldaio amosa dende hai anos unha gran inestabilidade debido á dinámica de areas na bocana, un fenómeno recorrente que xa obrigou a intervencións mecánicas de emerxencia no pasado para reabrir a canle e evitar o colapso do ecosistema.
A última crise tivo lugar o ano pasado, e o sector marisqueiro da ría estaba xusto agora comezando a recuperarse dos seus efectos negativos. O executivo local insiste en que non se pode permitir un novo retroceso na biodiversidade e na economía local por falta de axilidade institucional.
Impacto ecolóxico, económico e risco de inundacións
O taponamento impide o ciclo normal da auga intermareal, provocando un estancamento que acelera os procesos de eutrofización (proliferación de algas e falta de osíxeno) e a desalinización do espazo protexido.