1.600 sinaturas para esixir á Xunta que restitúa o servizo de pediatría en Carnota

Oscar Insua (deputado BNG); Primitivo Pedrosa (dirixente e candidato á alcaldía do BNG Carnota); e Nando Siaba (responsábel local do BNG Carnota), presentando as sinaturas no rexistro do Parlmento Galego
Despois de meses de mobilizacións (cómpre lembrar a concentración realizada en maio apoiada por ata 24 entidades do concello carnotán, incluído o PP local), o BNG vén de presentar máis de 1.600 firmas no Parlamento galego para que a Xunta restitúa o servizo de pediatría en Carnota.

Os nacionalistas sinalaron que desde hai máis dun ano, os pais e nais de Carnota veñen denunciando a falla do servizo médico de pediatría no municipio, sen que a día de hoxe se cubrira dita praza pola Consellaría de Sanidade do Partido Popular. “Trátase dun servizo moi importante, que atendía as revisións de idade, curas e vacinas dos nenos e nenas en idade infantil”, indicou o BNG, que incidiu en que a falta de cobertura dun pediatra en Carnota obriga aos familiares das crianzas a desprazarse ata Muros, “onde agora o servizo está aínda máis abandonado polo Sergas”.

A formación nacionalista subliñou que o goberno galego non tivo en conta a ausencia de pediatra en Carnota no recente concurso que o Sergas impulsou para cubrir as chamadas prazas de difícil de cobertura en diversos municipios, condenando ao centro médico carnotá a seguir sen o servizo.

Ademais, o BNG de Carnota lembrou que a problemática xa foi levada ao Parlamento galego polo deputado do BNG pola Costa da Morte, Oscar Insua, que en abril deste ano defendeu unha iniciativa, na comisión de Sanidade, que foi rexeitada polo PP, para exixir a recuperación inmediata dos servizos de pediatría e enfermaría pediátrica no centro de saúde carnotán. 

Pola súa banda, Primitivo Pedrosa manifestou que “entregamos as sinaturas no Parlamento para que a Xunta teña en conta dunha vez por todas da demanda da veciñanza dun servizo que é esencial para o noso concello, e imos seguir apoiando aos pais e nais nesta reivindicación que ademais de xusta é necesaria”.
O representante do BNG de Carnota reclamou que “o Sergas debe restabelecer de xeito urxente e inmediato o servizo de pediatría no concello; xa estamos fartos de que os municipios rurais esteamos abandonados polo goberno galego”.

Máis novas