mércores. 18.06.2025
El tiempo

Dúas consecuencias concretas da falta de pediatras en Carnota e Muros

Centro saúde Muros copia
Centro saúde Muros
Dúas consecuencias concretas da falta de pediatras en Carnota e Muros

Levamos anos denunciando a falta de pediatras nos Centros de Saúde da comarca, centrando nestes meses a problemática nos de Carnota e Muros. Xa vai máis dun ano dende que a baixa de longa duración non cuberta dunha das profesionais do centro carnotán comezaba a provocar problemas para as familias. Este mes de marzo o Sergas suprimía a praza de enfermería pediátrica, outro novo recorte, provocando que afecta directamente a 200 familias carnotás afectadas, que vén como outro servizo básico é arrincado dos seus dereitos como cidadáns do rural.

Carnota enteira saía á rúa para denunciar a situación da sanidade pública, tendo que desprazarse a Muros ou Cee para tratar ás súas criaturas. Pero é que os problemas se trasladaron a un xa saturado Centro de Saúde muradán, onde unha das dúas prazas tamén leva máis dun ano sen cubrirse, e provocando que unha soa profesional teña que tratar máis de 1000 nen@s.

A pesar da masiva concentración realizada tamén en Muros, o Sergas responde cubrindo a medias a nova baixa do facultativo de Muros porque dende o pasado 3 de xuño, o centro muradán só ten pediatra algún día solto, pero as listas de agarda seguen superando as dúas semanas.

Así o podemos comprobar coas experiencias directas de varias familias, que demostran a calidade de atención pediátrica que sofre o noso rural:

Pechar o negocio para ir a Santiago

Un dos casos é o dunha autónoma, cuia filla leva un ano poñendo cada mes unha vacina por unha alerxia. Unha vacina que ten que ser recetada pola pediatra, e despois a enfermeira ou a propia pediatra lla pincha. Pero ao non haber pediatra que a receite, o enfermeiro di que baixo o seu risco non a pode poñer, que non se vai saltar o protocolo, e como o pediatra está vindo a Muros aleatoriamente, sen previsión ningunha, a autónoma ten que pechar unha mañá enteira o seu negocio para desprazarse a Santiago… Tremendo

Unha mañá para pedir cita, e dúas semanas de espera

Outra familia, neste caso unha funcionaria, explica que o seu fillo se puxo malo do estómago, vomitando bastante, o pasado xoves 11 de xuño. Tras un par de días enfermos a familia buscou na APP, xa no Centro de Saúde de Muros, por suposto, porque no de Carnota xa non hai posibilidade dende hai máis dun ano. Pero a primeira cita que lle daban era para o mércores 25… dúas semanas despois…

”Lévoo a Urxencias a Cee ou a Santiago, ou deixo a ver sesobrevive sen desidratarse?”, preguntábase esta familia intentando chamar ao Centro de Saúde para saber que facer pero atopándose unha e outra vez co intratable contestador automático.

Tras varias experiencias esperpénticas, e tras media mañá de periplo burocrático, conseguiu falar co Centro de Saúde muradán, que lles contestaron que estaban sen pediatra, a pesar do anuncio da Xunta, porque o Sergas só envía substituto ao centro muradán algíun día solto. ”Se consideras que é urxente pódelo traer, e senón podes levalo ao médico de cabeceira da familia, no centro de Saúde de Carnota”, espetáronlle.

Tal que ao final da mañá, despois de outras tantas chamadas sen resposta, conseguiu cita para o día seguinte no médico de cabeceira, que non é especialista en pediatría, para que vera ao seu fillo.

”Se isto é así agora, que acontecerá en xullo ou agosto?”, pregúntanse as familias.

Máis novas

Comentarios