20 días sen internet en 3 lugares de Carnota
Que a estas alturas do século XXI, nestes tempos nos que tanto se fala de emprendemento no rural, que haia 3 aldeas que estean sen internet debería ser delito. Pois así se atopan as familias de Louredo, Canedo e Piñeiro, da parroquia carnotá de San Mamede, en Carnota. Dende hai 3 semanas, cando caía un poste dun cable de fibra por mor dun accidente cun tractor, as aldeas non teñen conexión á internet.
A problemática é complexa. A empresa Movistar si que apaeceu un día para repoñer o poste, pero o dono do terreo pediu mover o poste de lugar, porque estaba no medio e medio da leira e prefería situala nunha esquina. Foi aí cando a cousa se enquistou e en Movistar non fai nada deixando a clientes da propia Movistar, como de Orange, Mas Móvil, R, Yoigo ou O2 sen internet.
Desta volta son unhas 70 casas as afectadas, unha vez que moitas levan tempo cambiando os seus contratos á Rede Aberta, o operador neutro de fibra óptica galega creada pola Xunta paralela á de Movistar, que permite facer contratos con operadores galegos como Toxo, Grelo, ou Xanela.
Moitos máis se pasarían á Rede Aberta, xa presente en 135 concellos do país, pero a súa infraestrutura non soporta tantos clilentes.
A veciñanza xa ten posto reclamacións en todas as compañías, e mesmo teñen avisado ao Concello para que interceda.
Dende o Concello aseguran que tras poñerse en contacto con Movistar, e que a empresa vai colocar o posto sobre o vial.