Abre o prazo para inscribirse na BTT e na Andaina do Víndemo Ver de Carnota

Unha vez que xa vimos o potente progama da XI Mostra Víndemo Ver-Mercado da Deputación de Carnota de cara a esta Semana Santa, toca irmos debullando unha a unha as actividades máis especiais. E hoxe repasamos as probas deportivas, a BTT e a Andaina:

XI Ruta BTT do Concello de Carnota

A ruta cicloturística non competitiva que forma parte da programación do Víndemo Ver. A décima primeira edición terá lugar o venres 29 de marzo, con saída da ruta ás 09:30 dende o pavillón de Carnota. Propóñense dous percorridos, unha ruta longa de 48km e outra curta de 35km, ámbalas dúas circulares con chegada e saída dende o pavillón de Carnota. O horario da apertura das mesas para a recollida de dorsais será a partir das 08:00 h no mesmo lugar que a saída e permanecerá aberta ata 15 minutos antes do inicio da ruta.

As inscricións realizaranse a través da páxina web cronotec.es ata o martes 26 de marzo ás 23:59 horas cun custo de 10€ para todas as persoas asistentes.

Paralela a XI Ruta BTT, organízase a III Xincana de bicicletas infantil. Estará instalada no pavillón de Carnota dende ás 11:00h ata ás 13:00 h e na que a idade recomendada para participar é de 5 a 12 anos.

“Andar ao mar”

O programa inclúe unha ruta temática que mezcla deporte, cultura e tradición e que terá lugar o sábado 30 de abril ás 9:30 da mañá dende o concello de Carnota. Habilitaranse autobuses lanzadeira dende o Concello ata o lugar de inicio.

A ruta será lineal de arredor de 12 km e de dificultade media onde os/as participantes poderán ver algúns exemplos de elementos vinculados á industria da sardiña, como antigas fábricas de salgadura e tamén algunhas escenas típicas de principios do S.XX protagonizadas pola Asociación Folclórica Ximiela.

As persoas interesadas en participar deberán inscribirse no seguinte formulario antes do 26 de marzo.

Máis novas