O alumnado adulto da ESMU de Carnota aprende de obradoiros singulares con Carmen Rey, Toxo ou Poldo Lamela

O ceense Poldo Lamela, que tamén é alumno da ESMU, ofreceu o ano pasado un obradoiro de edición de videos musicais e RRSS

Música por e para todos/as. Ese é o lema da Escola de Música de Carnota, un dos exemplos da democratización da aprendizaxe musical máis auténticos da comarca, activa dende hai máis de 25 anos. Os seus 5 mestres traballan arreo cada tarde para ofrecerlle a cada un dos 204 alumn@s que están inscritos este curso, a mellor das aprendizaxes.

E nesa liña, ao alumnado sénior intenta ofrecerlle algo máis, neste caso unha serie de obradoiros de formación de man de grandes profesionais. E este ano van ao pleno con 3 obradoiros, un por cada trimestre.
No primeiro trimestre tiveron a cantante e mestra de voz Carmen Rey, que deu un obradoiro práctico da voz, do coidado da voz e da ensinanza do aparato fonador cun excelente resultado que podedes ver nas nosas RRSS.

Con Carmen Rey na Esmu de Carnota

No segundo trimestre teremos un obradoiro para o alumnado de guitarra e baixo especialmente, porque o lutier TOXO virá ensinar como tratar e manexar os instrumentos de madeira.
E no terceiro trimestre, a coach italiana afincada en Carnota Stefania Montagna, ensinará como manter o medo escénico aa raia, como subir a un escenario e tocar ou cantar diante dun público sen que o pánico se apodere de nós, cómo disfrutar mentres actuamos …

"E así sentimos que a educación e formación musical nun pobo, nunha ESMU é completa", explica a directora Ali Uhia. 

En Grupo

O coro nenas da Esmu Carnota

Un dos obxectivos da ESMU de Carnota é fomentar que se toque en grupo, que haxa agrupacións tradicionais, combos de pop, de rock, etc … "Temos coro de nenas, temos unha coral polifónica de adultos, temos un grupo de pandereteiras, temos unha orquestra orff, etc Estas agrupacións son o orgullo da Escola", explica Uhia.

Máis novas