Asaghieiras: “Vivimos un momento moi doce na música galega e especialmente na nosa contorna”
- A aposta pola música galega da comarca e polo Palco de Espontáneas fai moi especial o Asaghieiras Master Festival que se celebra este
Se polo norte o verán se pecha a ritmo do garaxe do XiriaPop, polo sur o talento local é o protagonista para dicirlle adeus á temporada (f)estivaleira. O Asaghieiras Master Festival encherá Lariño este sábado 21 de setembro de música, cun fío condutor: o talento comarcal.
A ACR As Aghieiras repite aposta polas mellores bandas da contorna costeira, con bandsas locais como Kondusión Kolérica, e moitas muradáns como Lisdexia, ou os xa mundiais Terbutalina.
Tamén haberá outras bandas emerxentes chegadas doutros puntos do país, pero que tamén cantan en galego, como punk das artistas pontevedresas Faul e o ska da banda ourensá Maskarpone.
Pero unha das cousas máis esperadas é o Palco de Espontáneas. Ese espazo entre concerto e concerto que encherá o talento agochado do público, que se animará a subir a lanzar os seus temazos.
Música galega contemporánea
”Vivimos un momento moi doce na música galega e especialmente na nosa contorna”, explica Mauro Gómez, membro do colectivo organizador. “Bandas consolidadas como Lisdexia ou Terbutalina acompañarán ás que comezan como Kondusión Kolérika ou The Balayos (que estiveron na pasada edición), así como á promesa da música muradá The Universe (5 rapaces de entre 8 e 11 anos que estarán na sesión vermú)”.
”Bandas como Terbutalina comezaron os seus pasos no Asaghieiras cando aínda nin tiñan ese nome. Sempre vencelladas ao festival, agora son eles os que brindan a oportunidade de disfrutar de auténticos himnos na que é a súa casa”, agradece.
Máis actividades
Estade atentas ás redes do @asaghieiras.larinho porque a cousa vén completa. Xa na sesión vermú, con mexilloada, estarán Manu Kasoaparte, The Universe, os pequemuradáns, semente da Sala Nasmo, que están rompendo os escenarios e os Filophobicas.
Ademais, co cambio de ubicación, a organización decidiu montar un roteiro teatralizado para non perder a conexión do público co entorno do Faro que tantas edicións do Asaghieiras viviu. “Unha viaxe mística polas lendas e historias da Costa da Morte coa participación de veciños e veciñas e artistas multidisciplinares, indicada para todas as idades e especialmente pensada para as familias que veñan pasar a tarde a Lariño”, contan os membros do Asaghieiras.
A partir das 21:00h, xa pasarán as bandas principais, con estes horarios..