Carnota, segundo concello que se declara Libre de Eucaliptos

Os eucaliptos medran no Monte Pindo tralos incendios

Durante o pleno deste 12 de marzo de 2019 (un pleno que estaba convocado para o 8 de marzo pero que se tivo que aprazar pola Folga do 8M) o Concello de Carnota declarouse “Concello libre de Eucaliptos”. Unha moción, a raíz dunha iniciativa da Asociación Boca de Sapo, que foi aprobada por unanimidade. Convírtese así o territorio carnotán no segundo concello, tralo de Corcubión en ratificalo.

Para a entidade promotora, enfrascada nas importantes xornadas do 23 de marzo, é toda unha alegría, e confirman que manteñen contactos con outros concellos para seguir espallando o poder das “brigadas deseucaliptizadoras”.

As comunidades de montes, que son propietarios de boa parte dos terreos, está ao tanto de todo e están a favor da iniciativa. Ademais, o Concello, propietario da meirande parte da superficie do Monte Pindo, formulará iniciativas para loitar contra un eucalipto que tanto ten avanzado dende os últimos incendios.

Ademais, esta declaración esténdese a outras invasoras como as acacias, que se están convertindo nunha verdadeira praga.

Novas relacionadas