6 persoas resultaron feridas en senllos accidentes rexistrados en Dumbría, Malpica e Paxareiras

Imaxe do Accidente en Malpica Non paramos de recibir malas novas das estradas da bisbarra. Se o pasado luns falecía nun accidente de tráfico Paula Sueiro en Agualada, ao longo deste días xa temos dado conta de varios atropelos en Baio, Cee, e Corcubión, deixando senllos feridos. Ademais, esta mesma mañá falecía un home maior nun atropelo en Rus, Carballo. E continúa a semana fatídica cun accidente múltiple en Malpica, unha saída de vía en Dumbría e unha colisión en Carnota, que deixan un total de 6 persoas feridas de diversa consideración. Nos tres casos, os bombeiros tiveron que empregar os equipos de excarceración para liberar a 4 dos 6 feridos.

En Dumbría

En Dumbría, tres persoas viaxaban a bordo dun turismo que, por razóns que aínda se descoñecen, saíuse da AC-552, á altura do Cruzamento de Buxán, en dirección a Cee. Como consecuencia do impacto, dúas persoas quedaron atrapadas no interior e necesitaron a axuda dos Bombeiros de Cee para abandonar o vehículo, un Volkswagen Polo. A condutora saíu polo seu propio pé, pero os acompañantes quedaron atrapado. Os Bombeiros tiveron que apuntalar o vehículo para que non se movera, e colaborar cos sanitarios nas labores de inmobilización das vítimas. Procederon a facer sitio para a extracción das persoas pola parte de atrás do vehículo e coa axuda dos sanitarios sacaron ás persoas do interior do vehículo. Unha vez liberados, foron evacuados nunha ambulancia de Urxencias Médicas, xunto cunha terceira persoa que presentaba lesións leves.

En Buño

O CAE 112 Galicia recibiu a alerta ao fío das once desta mañá e, apenas tres minutos despois, outros catro vehículos, tres turismos e un camión bañeira, chocaron na estrada de Carballo a Malpica (AC-418), concretamente, no Cruzamento de Buño. Unha muller que viaxaba nun dos turismos implicados quedou atrapada no interior, polo que tiveron que intervir os Bombeiros de Carballo.

En Paxareiras

Tamén entre Carnota e Mazaricos tivo lugar arredor das 14:40h deste fatídico xoves unha colisión entre 2 turismos na estrada que une Carnota e Paxareiras, a 2 km da vila mazaricá. Nun dos vehículos, un mozo en estado insconciente quedou atrapado, e no outro unha muller que puido saír polos seus propios medios pero tamén estaba ferida. O 112 mobilizou aos Bombeiros de Cee para que procedan coa excarcelación e o Helicóptero de Urxencias Médicas xa está no lugar para trasladar ao ferido ao Hospital. Tamén estiveron no lugar Tráfico, GES de Muros e Protección Civil de Carnota.  

Novas relacionadas

Fonte
  • Redacción QPC (info@quepasanacosta.com)
  • Axega