Muros e Carnota toman medidas pola prealerta de seca
Os Concellos de Muros e Carnota, a través da Mancomunidade de Augas Muros-Carnota, adoptamos de forma conxunta unha serie de medidas preventivas ante a situación de prealerta por escaseza de auga declarada pola Xunta de Galicia (cómpre lembrar que a bacia do Anllóns xa está en estado de alerta).
Ambos concellos compartimos o mesmo sistema de abastecemento e, por iso, coidar a auga é unha responsabilidade compartida.
Así, dende hoxe suspéndese o uso das duchas das praias. Os Concellos reducirán os baldeos e limpezas viarias con auga potable, mantendo unicamente aqueles que sexan necesarios por razóns de seguridade, salubridade ou hixiene.
Igualmente recomendan non encher nin repoñer piscinas, salvo o estritamente necesario para garantir as condicións hixiénico-sanitarias.
Piden evitar regar xardíns, parques, zonas verdes e espazos ornamentais con auga da rede.Limitaremos os usos ornamentais da auga que non sexan imprescindibles.
E piden tamén a colaboración de toda a veciñanza: pequenos xestos diarios poden supoñer un importante aforro de auga.
"Non estamos ante unha situación de desabastecemento, pero si é o momento de anticiparnos. O obxectivo é preservar as reservas e garantir o abastecemento para os usos realmente necesarios".
