Dous proxectos de Carballo e Carnota optan aos Premios Arquitectura 2025
A reforma da Praza do Pombal en San Miguel de Vilela, en Carballo, e a obra O Xardín de Panchés na casa das Silvas), no Concello de Carnota, son dous dos 11 proxectos galegos que optan Premios ARQUITECTURA 2025 do Consejo Superior de los Colegios de Arquitectos de España (CSAE), en colaboración con COMPAC®. Unha nova demostración do bo estado de saúde da arquitectura contemporánea galega.
Inicialmente presentáronse aos premios 32 propostas galegas e ademais das dúas costeiras, pasan á final, os proxectos de edificación Casa Mallou, en Santiago de Compostela; o Centro Cultural Forges, na Fonsagrada; o Muíño de Porto do Molle, en Nigrán; a rehabilitación Fondodevila, en Parada de Sil; e o Pazo de Martelo, en Rianxo; en arquitecturas efémeras, a Cabane 7L, en Roma (Italia); e en espazo público, o Ascensor Urbano “HALO”, en Vigo; e a mellora e acondicionamento do “Carreiro do Rollo”, en Salceda de Caselas. Tamén destaca un proxecto de divulgación: a revista “VAD 11. Os Arquivos”.
O Xardín de Panchés (A casa das silvas), de Arturo Franco
Finalista na categoría de arquitecturas mínimas, trátase dunha ”proposta que profunda na materialidade do inasible, o paso do tempo, que deambula entre o esquecido do uso e a ruína colonizada pola natureza. Pola construción dun relato que é a base de todo proxecto, tamén do de ínfima escala ou o da reflexión teórica que acompaña á arquitectura do xardín. Neste caso unha profunda reflexión sobre o xardín e a vexetación espontánea e a súa posible interpretación contemporánea, antes e despois da arquitectura e os seus habituais habitantes os humanos”
Praza "do Pombal" en San Miguel de Vilela, de Carlos Seoane
Foi escollida finalista na categoría de espazo público, por “minimizar o impacto ambiental mediante o uso de materiais locais, como é o granito silvestre, con gran dominio na estereotomía desta pedra, mediante a configuración dos diferentes espazos nesta pequena praza, desde os estáticos aos máis dinámicos. O material pétreo como nexo de conexión dos elementos etnográficos do lugar, unha pequena capela e un pombal, ademais de xerar unha resposta a modo de nodo veciñal, como punto de reunión para distintas actividades, tanto culturais como sociais, revitalizando, por tanto, o rural e os oficios de outrora que se seguen mostrando tan eficaces”.