Diversas revistas de arquitectura recoñecen a innovación do Centro Social de Bértoa
O edificio do Centro Social de Bértoa, deseñado polo arquitecto Carlos Seoane, abriu as súas portas no ano 2022 tras un investimento próximo aos 400.000 euros. Unha obra que ademais de dar servizo á veciñanza, comeza a ser recoñecida en todo o planeta, como o comprobamos coas novas publicacións de revistas especializadas.
O edificio a imaxe de portada no número 428 da revista de arquitectura, interiorismo e arte On Diseño, unha publicación de referencia desde hai máis de corenta anos, que se caracteriza por estar promovida por un grupo de profesionais independentes que recollen, principalmente, o mellor do sector en España. A publicación dedica ao proxecto do arquitecto Carlos Seoane un total de sete páxinas, nas que describe, en español e inglés, as principais características do edificio, e inclúe numerosas fotografías.
Curiosamente, o centro social de Bértoa tamén é un dos edificios escollidos pola prestixiosa publicación AV Monografías para a súa edición do 2024, neste caso cun total de 8 páxinas nas que, xunto coa información en español e inglés e as fotografías, aparecen varios planos.
En ámbolos dous casos descríbese o emprazamento do centro social e a súa organización arquitectónica en dous volumes, un de uso diario con dúas aulas e unha oficina e outro de uso máis eventual a modo de auditorio ou sala de ximnasia.
O centro, ademais das iniciativas promovidas polo movemento asociativo da parroquia, ten acollido as feiras de emprego organizadas polos empresarios do polígono, bailes da Concellaría de Terceira Idade ou concertos do Conservatorio Profesional de Música, entre outras. Coma no resto dos edificios da rede de centros sociais do Concello de Carballo, son as propias entidades as que se encargan da xestión do inmoble en coordinación coa Administración local.