Un “sentimental” proxecto de Vimianzo premiado polo Consello Galego da Arquitectura Técnica
Outorgaba este luns o Consello Galego de Arquitectura Técnica os Premios Galicia 2023-2024 aos mellores Traballos Fin de Grao (TFG) da Escola Universitaria de Arquitectura Técnica da Coruña (EUATAC) da Universidade da Coruña (UDC).
Un dos accésits ten acento costeiro: Noelia Oanes Romero, pola súa obra Reforma de edificio residencial de uso hotelero en Vimianzo.
”A verdade é que estou moi orgullosa de recibilo, non o esperaba”, recoñécenos. “Quixen facer un proxecto afín aos meus principios e que puidera conectalo coa miña terra, que non fora un TFG ao aza”, explica esta vimiancesa polos catro costados.
O proxecto propón un negocio ficticio a través de rehabilitación dun edificio da familia situado en fronte do Pazo de Trasariz. “O edificio é dos meus pais e tamén esivo involucrado o meu avó, que agora non está aquí, relata. Certamente “é un edificio recente, non ten valor histórico nin arquitectónico, pero si valor sentimental”.
Se ben non parece que vaia ser posible levar a cabo o proxecto (os pisos estanse vendendo) a idea de Noelia era “promover o turismo do meu pobo, que ten unha ubicación estratéxica, ademais de puntos de interese como o Castelo, o Pazo”, resalta fachendosa da capital irmandiña.
A vimiancesa recolleu agora este premio, malia que o TFG foi entregado xa un ano. A día de hoxe, despois dunha temporada de prácticas nunha construtora, exerce, encatada, na empresa Sutega, na Coruña.
Outros premios
O primeiro premio foi para Boyan Slavov Slavov polo seu traballo no Proxecto de Rehabilitación Mosteiro de Santa Comba de Naves e cuxas ruínas se atopan a poucos quilómetros do cidade de Ourense, no val do río Miño. O segundo galardón foi para Carlos Moreira Villanueva pola súa obra Reforma parcial dun edificio aproveitamento hostaleiro para destinalo a actividades complementarias a dito uso situado en Arteixo.