Solpor, produto e talento local, protagonistas da Mostra Víndemo Ver de Carnota
Ademais da Mostra do Encaixe e do Cristo de Fisterra, a outra gran cita da Semaan Santa da Costa da Morte é, dende hai xa anos, a Mostra Víndemo Ver - Mercado Deputación da Coruña de Carnota.
A vila carnotá acollía a 13ª edición, e contou co bo tempo para gozar ao máximo do produto e do talento local, da natureza e do solpor, protagonista desta edición. Menudos solpores laranxas se gozaron esta fin de semana sobre a silueta do monte Facho fisterrán.
Dende o xoves pola tarde, as carpas e as rúas da vila enchíanse de xentes, cada ano máis diferentes. Porque se as xornadas do xoves e do venres foron máis familiares, a tarde-noite do sábado Carnota estaba petada de mocidade.
Unha andaina de solpor
Unha das citas máis esperadas é a Andaina. Con este sol, ademais, luciu mellor que nunca. 125 persoas chegadas de toda Galicia gozaron das marabillas desta contorna natural tan privilexiada como a que temos, e levaron ademais a gran sorpresa de cada ano: a representación das mulleres vestidas de época. Se outros anos tocaba lavando a roupa, debullando o millo ou limpando a sardiña, este ano, foi unha foliada ao solpor, o que permitiu poñer unha banda sonora marabillosa a un espectáculo natural impresionante.
O produto local
As 4 carpas foron un fervedoiro. Ademais da dedicada a actividades e concertos, as outras tres estaban destinados ao produto local. Unha de artesanía local con xentes da zona como Ramón Verán, Esteiro con Xeito, Reme Creando… A outra carpa estaba destinada a profesionais co selo de Artesanía de Galicia. Ambas compartiron afluencia e vendas.
Se cadra, a máis concorrida, sempre amenizada con música tradicional, tamén, foi a de produtos da terra. As rapazas de Mallou quedaron sen madalenas, mesmo sen fariña; as patacas, rabisas, allos, cebolas dos produtores locais voaron como tesouros que son da nosa terra; os cestos de adisbismur encantaron, e os xeados e iogures da Granxa Moreira agotáronse de contado, como a maior parte dos produtos.
O talento local
Ademais de que os obradoiros para cativos estiveron cheos (houbo tamén moi boa afkuencia para as presentacións no Auditori do Viso de Nandon Lestón, Ana García, Antonio Nodar e Frank Bushmann a carpa das actividades quedou pequena para os concertos. O venres Chiña volveu demostrar a súa arte coa guitarra e coa retranca, nunha noite cunha moi boa afluencia.
Quedou pequena a carpa na do sábado, Tiam GZ, Xián Paus e Ortiga convertiron a Víndemo Ver nun reclamo para os amantes da nova música galega. Incrible o loureán Xián, moi arroupado e poñendo a bailar e a cantar a toda carpa nunha xornada memorable para el e para toda a comarca.
Deporte e natureza
170 ciclistas participaron na dura pero fermosísima BTT. Satisfacción máxima na organización e nos participantes, que destacaron a beleza da paisaxe.