A Mostra bate as súas propostas marcas e afiánzase como gran referente da Semana Santa
Son moitas as vidas que ofrece a Mostra. Son moitas Mostras as que se viven na Mostra do Encaixe de Camariñas Deputación da Coruña, convertida dende hai anos no epicentro da Semana Santa da Costa, compartindo protagonismo coa sentida celebración fisterrá, e coa Mostra Víndemo Ver de Carnota. Pero é que esta Mostra cada ano, cunha oferta cada vez máis completa, e cunha demanda que bate marcas.
Así aconteceu nesta 35ª edición, superando os 23.440 persoas nos 5 días de programación, que volven a marcar o seu máximo histórico de asistencia. Achegáronse ao pavillón Víctor Vigo máis persoas que na edición anterior, cando se acadara o dato de asistencia máis alto desde o ano 2011, destacando o venres 3 como o día de maior afluencia con 6.760 persoas.
Todo un fito para a nosa comarca, que fachendea de encaixe, de artesanía centenaria, e de vangarda de moda, como xa se avanzaba na inauguración, na que a propia rexedora daba conta de que en breve o encaixe terá cabida nunha recoñecida multinacional de roupa galega.
O bo tempo axudou a alcanzar estas boas cifras das que se deleita toda a comarca, non só Camariñas. O sector turístico e hostaleiro traballou arreo para recibir á marea de visitantes que ateigaron as nosas cativas estradas.
Todo para poñer en valor o traballo dunhas mulleres que manteñen un legado infitino, representandas en cada posto de artesanía e que por fin, teñen a súa rúa no centro da vila:
As pasarelas, o gran reclamo

Os desfiles dos Grandes Deseñadores e Deseñadoras son, coma sempre, un dos grandes reclamos e unha das patas principais para que o encaixe dese o salto da artesanía á moda. Nomes como Ana Cabranes, Xoaquín Ruíz, José Matteos, Innamoretto ou a moda atlántica de elPulpo demostraron a alta calidade das creacións de vangarda que se exhibir na pasarela camariñá.
Unha das intervencións máis espectaculares foi protagonizada por José Perea que, en 20 minutos, e interactuando co público, creou desde cero un vestido que logo desfilou co resto de creacións da colección cápsula que presenta no seu primeiro ano na pasarela camariñana.
Noveis Deseñadores
A xornada de clausura serviu para coñecer aos gañadores do XXXII concurso de Noveis Deseñadores. O primeiro premio, entregado pola alcaldesa de Camariñas, Sandra Insua, recaeu nas mans de Estefanía Orgaz e Pedro Orgaz, que coa súa colección Albor repiten galardón por segundo ano consecutivo.
O responsable de relacións institucionais de Stolt Sea Farm, Javier de Francisco, entregoullle o premio a Expediente 1885, de Marina Lamelo Vallejo, que quedou en segundo lugar; mentres que a colección Araiz de Sheila Pérez Garrido, que recibiu o premio da responsable de relacións institucionais de Frigoríficos de Camariñas, María José Gerpe; acadou o terceiro posto. O cuarto premio, entregado pola presidenta da Asociación de Empresarios e Promoción Turística de Camariñas, Olga Campos, foi para Marina Martín García e Javier Requena, con Mater Sancta.
Nesta edición repartíronse un total de 4.500 euros en premios e optaron a estes galardóns 25 coleccións dun total de 29 mozas e mozos que están dando os seus primeiros pasos no mundo da moda.
O Encontro entre Grandes e Novos Deseñadores

Precisamente un dos puntos que máis gusta á xente da moda é ese Encontro entre Grandes Deseñadores e Deseñadores Noveis, no que os novos talentos poden compartir as súas inquedanzas, lanzar preguntas e aprender dos nomes da afianzados.

A Mostra máis internacional
Dando conta da globalidade desta arte centenaria, este ano participaron delegacións de Eslovaquia (Krakovany), Arxentina (Buenos Aires e Córdoba), Bulgaria (Sofía), Italia (Novedrate), Portugal (Peniche e Serra D’El Rei), Polonia (Bobowa) e España (Arenis del Mar).
A Escola Municipal de Palillo, o futuro do encaixe

Os nenos e nenas da Escola de Palillo recibiron o sábado un agasallo do Concello de Camariñas e da Mostra do Encaixe para recoñecer o traballo que realizan ao longo do ano e que garante o futuro do encaixe.
Ademais, as persoas asistentes puideron desfrutar en directo da actuación do mozo de Camelle Sebastián Allones Dans, que con tan só 12 anos gañou o concurso de talentos ‘Da rúa á lúa’, do programa ‘Quen anda aí’ da Televisión de Galicia.
Multitude de oferta
Pero Mostras hai moitas. Hai presentacións de libros, monólogos, concertos… Dirixidas polo gran Saulo Fernández, xa voz do Encaixe, pasaron polo escenario nomes como Nerea Pallares, coa súa premiada obra ‘Punto de Araña’; Anxo Mouzo, con ‘A Princesa Dourada’; Diego Garrote con ‘Ángeles acusadores’; Alfonso de Sas con ‘1898 – El padre ausente’; ou Xan Fernández Carrera coa guía ‘A Costa da Morte, naturalmente única’.
Non faltaron as rías cos monólogos “Sen Restricións” de Marta Doviro, Carmen Méndez e Ledicia Sola; e co Grupo Mortos de Risa, no que varias artistas de Camelle demostraron que levan a retranca moi dentro.
Tamén houbo teatro coa singular obra da compañía Aantena titulada “Fíos da memoria”.
Ademais, houbo música, con Antía Muíño, 'Las Guerras del Kpop tributo musical' ou Luar na Lubre, e ademais no acto de agradecemento aos stands participantes, do IX Encontro de Corais Mostra do Encaixe (Coral Polifónica San Roque de Vigo, Coral San Salvador de Pazos de Ponteceso e Coral Municipal Brisas do Mar de Camariñas).

Homenaxes
O sábado 4 de abril, durante o desfile de ArtEncaixe, a Mostra do Encaixe de Camariñas Deputación da Coruña quixo renderlle un homenaxe a Mar Barral, ceramista pontevedresa que participaba asiduamente na pasarela de ArtEncaixe e que faleceu recentemente.
Mariví Santos, amiga da homenaxeada, foi a encargada de dicir unhas palabras sobre o que supoñía para Mar a Mostra e o traballo que levaba a cabo para presentar unhas coleccións impresionantes.


