Un festival diferente no Festórreo de Lira

Xa está Asociación Cultural Canle de Lira con todo listo para a festa cultural que terá lugar no escenario natural do Hórreo de Lira (daquí o nome Festórreo) o vindeiro venres 15 de agosto.

A festa organízase en 3 bloques:

  • 1) A partir das 20:00h, degustación de empanadas elaboradas por mulleres da vila, ó son da foliada amenizada polos Cantareiros do Rumial e o grupo Parameán.
  • 2) Ás 23:00h, o Canle Nius, un espectáculo teatral coordinado e dirixido por Miguel de Lira no que participan actores e actrices locais e outros colaboradores habituais de renome como Federico Pérez (coñecido pola súa participación no programa da TVG "Era Visto”).
  • 3) Tempo para a música, dividido nos concertos: Pazos de Merexo con Xurxo Souto (Diplomáticos de Monte Alto), Xan Papaqueixos (gaiteiro) e Pulpiño Viascón (multiinstrumentista especializado en serra de aire). Pazos de Merexo, autodidacta e aínda en activo pese á súa avanzada idade, é un referente no mundo do folk, e o son do seu acordeón diatónico puido escoitarse no último disco de Kepa Junquera.
    Mustang Charros, un toque Tex-Mex e ranchera para facer bailar a propios e alleos.
    Os Soplapaipers, de Elviña, grupo que tivo moita repercusión hai 10 anos e que nesta ocasión se xuntan exprofeso para pechar a festa.

Un festival diferente

Desde a Asociación Canle apostan por un tipo de festival diferente que se sitúa a medio camiño entre unha festa tradicional e un festival de verán, tendo por característica o aproveitamento da Eira da Cabaseira (Hórreo de Lira) como elemento escénico: xa tén sido barco, tren o ano pasado, e nesta ocasión convertirase en Residencial para a terceira idade.

O Festórreo é un evento independente, modelo de autoxestión, pois finánciase cos recursos da propia asociación; recolle a herdanza das Xornadas Internacionais de Cultura Tradicional que se viñan facendo en Lira ata hai poucos anos.

Así é o trailer… que bos son!!:

Novas relacionadas

Fonte

  • Redacción de QPC (info@quepasanacosta.gal).