Un festival diferente no Festórreo de Lira
Xa está Asociación Cultural Canle de Lira con todo listo para a festa cultural que terá lugar no escenario natural do Hórreo de Lira (daquí o nome Festórreo) o vindeiro venres 15 de agosto.
A festa organízase en 3 bloques:
- 1) A partir das 20:00h, degustación de empanadas elaboradas por mulleres da vila, ó son da foliada amenizada polos Cantareiros do Rumial e o grupo Parameán.
- 2) Ás 23:00h, o Canle Nius, un espectáculo teatral coordinado e dirixido por Miguel de Lira no que participan actores e actrices locais e outros colaboradores habituais de renome como Federico Pérez (coñecido pola súa participación no programa da TVG "Era Visto”).
- 3) Tempo para a música, dividido nos concertos: Pazos de Merexo con Xurxo Souto (Diplomáticos de Monte Alto), Xan Papaqueixos (gaiteiro) e Pulpiño Viascón (multiinstrumentista especializado en serra de aire). Pazos de Merexo, autodidacta e aínda en activo pese á súa avanzada idade, é un referente no mundo do folk, e o son do seu acordeón diatónico puido escoitarse no último disco de Kepa Junquera.
Mustang Charros, un toque Tex-Mex e ranchera para facer bailar a propios e alleos.
Os Soplapaipers, de Elviña, grupo que tivo moita repercusión hai 10 anos e que nesta ocasión se xuntan exprofeso para pechar a festa.
Un festival diferente
Desde a Asociación Canle apostan por un tipo de festival diferente que se sitúa a medio camiño entre unha festa tradicional e un festival de verán, tendo por característica o aproveitamento da Eira da Cabaseira (Hórreo de Lira) como elemento escénico: xa tén sido barco, tren o ano pasado, e nesta ocasión convertirase en Residencial para a terceira idade.
O Festórreo é un evento independente, modelo de autoxestión, pois finánciase cos recursos da propia asociación; recolle a herdanza das Xornadas Internacionais de Cultura Tradicional que se viñan facendo en Lira ata hai poucos anos.
Así é o trailer… que bos son!!:
Novas relacionadas
- Desembarco do navío do xadrez en Lira-Carnota.
- Lira puxo guapa a súa cabaseira no espectacular Festórreo.
Fonte
- Redacción de QPC ([email protected]).