A valorización do patrimonio mariñeiro centra a xornada celebrada na Casa do Mar de Lira

Mariña Lestón en Temporada de mar

O pasado 22 de outubro, entre as 17:00 e as 20:30 horas, celebrouse na Casa do Mar de Lira unha xornada dedicada á posta en valor do patrimonio mariñeiro e litoral, no marco do proxecto Temporada de Mar. A actividade, organizada pola Asociación Profesional de Técnicos de Cultura de Galicia (APTCM) co apoio do Concello de Carnota, reuniu representantes do sector cultural, patrimonial e turístico da comarca.

Unha xornada que serviu para incidir en que a asunción de competencias por parte da Xunta de Galicia na xestión do litoral representa unha gran oportunidade para as localidades costeiras. "A existencia dun marco regulador que combine control e flexibilidade podería facilitar a recuperación e conservación do patrimonio marítimo galego, impulsando ao mesmo tempo o desenvolvemento cultural e turístico das comunidades mariñeiras", aseguran dende APCTM.

O encontro comezou cunha visita guiada á Caseta de Pepe do Cuco, en Lira, da man de María Lago González, técnica de turismo do Concello de Carnota.

Posteriormente, a actividade trasladouse á Casa do Mar, onde tivo lugar unha mesa de intervencións con destacados expertos e representantes institucionais. Pepe Formoso, presidente da APTCM, e o alcalde de Carnota Juan Manuel Saborido, seron a benvida. 

Tomou a palabra a actriz fisterrá Mariña Lestón, coñecida pola súa obra “Costa da Morte, cartografía dun naufraxio”, subliñou a importancia do patrimonio inmaterial e da tradición oral na construción da identidade cultural. Explicou o proceso de recollida de historias e cantigas populares, así como o respecto polas variantes dialectais nas súas representacións teatrais.

Manuel Lara Coira, presidente de Buxa, Asociación Galega do Patrimonio Industrial

Manuel Lara Coira, presidente de Buxa, Asociación Galega do Patrimonio Industrial, animou a visitar o inventario patrimonial
dispoñible na web da entidade. Reivindicou a necesidade de crear sinerxías entre o patrimonio inmoble, moble e inmaterial, e
destacou o papel das mulleres como base do benestar e da transmisión cultural.

E finalmente o investigador Santiago Llovo Taboada, experto no patrimonio marítimo da Costa da Morte, fixo un repaso polos principais
elementos patrimoniais da zona, desde peiraos e faros ata as numerosas fábricas de salga, auténticos testemuños da economía tradicional do litoral.

Santiago Llovo 

Máis novas