O R, como identidade gastronómica da Costa da Morte

O Parador de Muxía acolleu este mércores 8 de outubro o showcooking de presentación do proxecto “Sabor a Mar con R”, unha iniciativa impulsada pola Asociación de Profesionais de Turismo da Costa da Morte (APTCM), co apoio do GALP Costa da Morte.
Unhas 40 persoas, entre representantes institucionais, profesionais do sector turístico e gastronómico, e público interesado na valorización dos produtos mariños da Costa da Morte, acodiron ao nacemento deste proxecto que aposta pola desestacionalización do sector turístico a través do reforzo da identidade gastronómica da comarca.
O momento central da xornada foi o showcooking de degustación, protagonizado por Paloma Riveiro, xefa de cociña do Parador da Costa da Morte, e Álvaro Rodríguez, chef do restaurante A Lonxa de Álvaro (Muxía).

Durante aproximadamente 50 minutos, ambos elaboraron catro pratos inspirados na gastronomía mariñeira da Costa da Morte, baseados en produtos locais de tempada e co mar como protagonista. Os pratos elaborados foron:
- Longueirón de Fisterra con escabeche de mandarina.
- Caldo galego con algas do Atlántico con percebes de Muxía e congro asado.
- Robaliza encurtida con alioli de alga percebe.
- Tarta Chocolate da Morte con alga percebe.
Desestacionalizar a través da gastronomía
Foi o presidente de APTCM, Pepe Formoso, o que debullou presentou os obxectivos e liñas principais do proxecto, que dá continuidade ás campañas Meses con R e Temporada de Mar. A intención é seguir poñendo en valor a riqueza gastronómica da Costa da Morte que temos nos meses con R (xaneiro, febreiro, marzo, abril, setembro, outubro, novembro e decembro), que coinciden co período de maior calidade dos produtos do mar, tanto mariscos como peixes.
A continuación, interviron Belén do Campo, delegada da Xunta de Galicia na provincia da Coruña, e Javier Sar, alcalde de Muxía. Sar puxo en valor “o produto do mar durante todo o ano” e gabou “o talento dos cociñeiros muxiáns”, mentres que Belén do Campo salientou “a sorte de poder desfrutar dun evento que representa á perfección o traballo dos GALP e a colaboración institucional para achegar os produtos do mar a toda a poboación”.