A Fundación Fernando Blanco entrega os premios académicos 2015-2016

O acto de entrega terá lugar mañá no salón de actos do IES Fernando Blanco de Cee Antes do inicio do Mes da Fundación - que arranca mañá cunha conferencia sobre a arquitectura da man de de Carlos Quintáns Eiras - a Fundación Fernando Blanco de Cee fará a entrega dos V Premio Académicos correspondentes ao curso 2015-2016. Este acto terá lugar mañá, ás 12 horas, no salón de actos do IES Fernando Blanco de Cee. Tanto a Fundación como o IES pretenden con estes premios recoñecer o traballo dos alumnos e alumnas así como recuperar unha tradición histórica da Fundación Fernando Blanco xa que no regulamento do colexio-insituto publicado no ano 1886 establécese a necesidade de entregar recompensasaos mellores expedientes de cada curso. As notas dos premiados e premiadas desta edición oscilaron entre o 8,50 e o 9,64. Un dos requisitos para optar ao premio foi ter todas as asignaturas aprobadas en xuño cunha nota mínima de 8,5 e matricularse no IES Fernando Blanco para o presente curso. Premiados Cada un dos premios está valorado en 500€ - 220€ en metálico e 280€ en vales de compra doados polos establecementos colaboradores. Paula Trillo Fandiño, de 3ª da ESO; Iria Pose Lagoa, de 1º de bacharelato; Marcela Corbelle López, tamén de 1º de bacharelato; Virginia Santiago Santalla, de 1ºdo ciclo medio de xestión administrativa e Samuel López Iglesias, do 1º ciclo superior de administración e finanzas son os alumnos e alumnas premiadas. Ademais do patricinio de FerroAtlántica e do concello de Cee, a Fundación Fernando Blanco de Cee conta coa colaboración da Deputación da Coruña e de varias firmas comerciais (Estación de Servizo Bazarra, Abanca, Grupo Santitel, Centro Comercial Finisterrae, Roberto G. Rigaut S.L., Compucee, Fersi Papelería, Ler Librerías, Aurora Sport, Cabo Sport, Seguros Costa da Morte e Parques e Xardíns Manuel García) para facer posibles estes premios académicos que xa van pola súa quinta edición.

Novas relacionadas

Máis novas

Fonte
  • Redacción QPC (info@quepasanacosta.com)
  • Fundación Fernando Blanco de Cee