Abren o prazo para reservar unha visita guiada ao Museo Fernando Blanco

Ten ano de récord Darío Areas en materia de visitas guiadas xa concertadas. Pero aínda así saca tempo para ofrecer un novo programa estival de visitas guiadas ao Museo Fernando Blanco de Cee. A Fundación Fernando Blanco lanza, baixo o título “Fernando Blanco de Lema. O home que foi quen de ollar máis aló”, a nova viaxe no tempo polo interesante museo ceense, que nos traslada dende o 1796 (nacemento do fundador) e ata a actualidade.

A Fundación pon en valor un dos mecenas máis importantes promotores da educación e da cultura na nosa terra, o cal non dubidou en dedicar a fortuna que fixo en Cuba para que a súa localidade contase cun dos centros educativos de referencia na Galicia de finais do século XIX.

As visitas realizaranse os venres 24 e 31 de xullo, así como os venres 7, 21 e 28 de agosto, con inicio no Museo Fernando Blanco ás 10:30 horas e cunha duración aproximada de 120 minutos.

Durante este tempo, ademais de visitalo propio Museo onde coñecer a biografía do mecenas e boa parte do seu legado a través das pezas expostas e mercadas como dotación de material didáctico e artístico para o centenario centro educativo, achegarémonos ao Instituto que leva o nome do fundador, e que en outubro cumprirá 140 anos, para percorrer o seu xardín botánico e unha serie de dependencias interiores do mesmo, nas que aínda se respira certo aire decimonónico, e ás que só se pode acceder no verán debido a que durante o curso académico están en uso por parte de profesorado e alumnado.

As visitas guiadas serán gratuítas, sendo precisa a inscrición previa (no propio Museo, no teléfono 981.747.221 ou no correo
fundacioncee@hotmail.com), e os grupos deben contar cun mínimo de 10 e cun máximo de 25 persoas.