luns. 02.12.2024
El tiempo

Tesouros da Fundación: Máquina eléctrica de Ramsden

  • Inventor: JESSE RAMSDEN (1735-1800)
  • Fabricante: G. FONTAINE (PARÍS)
  • Cronoloxía: 1890-1891
Máquina de Ramsden
Tesouros da Fundación: Máquina eléctrica de Ramsden

Máquina formada por un disco de vidro de 80 centímetros de diámetro que xira entre dous pares de almofadas de crina, sostidas por un portante vertical que fixa o eixe do disco e a manivela para movelo.

O disco e o portante van montados sobre unha grande mesa de madeira, na que se encaixan catro pés illantes de vidro que soportan dous condutores eléctricos (grandes tubos cilíndricos de latón rematados en esferas), colocados paralelamente respecto do eixe de xiro do disco. Os condutores rematan en cadanseu peite curvo, con formas que se adaptan á do disco para recoller a electricidade xerada na fricción.

As máquinas eléctricas son instrumentos destinados a producir electricidade mediante un traballo mecánico. Nas de fricción obtense a electricidade por fricción sobre un corpo mal condutor: neste caso, as almofadas de coiro recheas de crina frotan un disco de vidro que xira mediante un manubrio.

Máquina Ramsden

A máquina de Ramsden é o resultado das melloras que no 1766 realizou Jesse Ramsden sobre a primitiva máquina eléctrica de Otto von Guericke.

O seu funcionamento consiste en que, durante o movemento de rotación, o disco cede os seus electróns ás almofadas, ao frotar con elas, co que estas quedan cargadas negativamente. Esta carga das almofadas pérdese no chan porque circula a través das tiras de estano e da cadea (que non se conserva). O vidro, que quedou cargado positivamente, exerce influencia sobre os peines da máquina, que atraen polas puntas aos seus electróns para recobrar o seu estado neutro. Así, os condutores quedan cargados positivamente, e ao aproximar a man saltará unha chispa que se renovará mentres siga xirando o disco.

Para o funcionamento óptimo da máquina é imprescindible que estea completamente seca e ao abrigo da humidade. Así mesmo, se o disco cóbrese con xofre, o rendemento da máquina mellora. Esta máquina empregouse nos gabinetes de física dende 1768 posto que podía subministrar grandes cantidades de electricidade.

Jesse Ramsden (1735-1800)

Jesse Ramsden naceu en Salterhebble (Inglaterra) no ano 1735. Estudou matemáticas en Craven e no 1755 marchou a Londres, onde comezou a traballar como empregado nun almacén de roupa. En 1758 entrou como aprendiz na empresa de fabricación de instrumentos científicos Mark Burton. Foi tan habilidoso na súa aprendizaxe que tan só catro anos mais tarde abriu o seu propio negocio en Haymarket, Westminster. O seu taller estaba xunto ao do ́óptico John Dollond, con cuxa filla casou, e onde aprendeu a traballar coas lentes de precisión e aparellos ópticos.

Do seu taller saíron para toda Europa instrumentos astronómicos, xeodésicos e ópticos, os cales gozaban dun gran prestixio.

Deseñou ferramentas que lle permitían dividir, con gran exactitude, tanto círculos como liñas rectas, o que lle permitiu producir sextantes de alta precisión, teodolitos e círculos verticais para os observatorios astronómicos. Tamén elaborou barómetros, manómetros e balanzas de laboratorio. No 1773 trasladou a súa fábrica a Piccadilly, onde traballou no deseño do instrumento que lle daría a fama: a máquina divisoria, unha ferramenta que servía para calibrar con moita precisión os aparellos de medición, sobre todo os astronómicos.

Foi elixido membro da Royal Society en 1786, e no 1795 foille concedida a Medalla Copley da Royal Society polas “súas diversas invencións e melloras no instrumental científico”. Jesse Ramsden morreu no ano 1800 en Brighton.

Hai un cráter lunar que leva o seu nome, e o asteroide 8001, descuberto no 1986, tamén foi bautizado como Ramsden.

OUTROS TESOUROS DA FUNDACIÓN

Comentarios