Anulados os servizos mínimos esixidos pola Xerencia do Hospital

Unha das queixas dos sindicatos do Centro Hospitalario ceense viña sendo nas últimas semanas a proposta da Xerencia para os Servizos Mínimos. Unha proposta que a CIG, representando aos traballadoras/es do servizo de limpeza do HVdV, consideraba completamente "abusiva". Así, segundo informan hoxe, a xustiza tamén o considera así pois o xulgado vén de anular a orde de servizos mínimos decretada pola Consellaría para a folga parcial da limpeza no Hospital de Cee. O xulgado do contencioso-administrativo 1 da Coruña considérao "contrario ao exercicio do dereito á folga", segundo informa a CIG.

Segundo o sindicato, "a proposta establecía unha actividade do 100% nas urxencias, do 70% nas áreas de radioloxía, laboratorio de urxencias e hospitalización e do 50% no resto das áreas. Ademais, o decreto estabelecía un operativo de traballo para os festivos e fins de semanas do 100%".

Deste xeito, as traballadoras/es continúan estes mércores co calendario de concentracións semanais en demanda da equiparación do grupo E do Sergas. Un dereito que xa teñen recoñecido a maioría dos traballadores e traballadoras deste servizo no resto dos hospitais galegos. Neste senso, "a representación do persoal lanza un novo chamamento á Xerencia e á dirección de Limpisa Grupo Norte para que abran unha mesa de negociación que permita a resolución deste conflito".

Novas relacionadas

Fonte

  • Nota de prensa da CIG-Cee.