Xoves. 28.03.2024
El tiempo

Continúa aberto o conflito da limpeza no HVdX ante a posible mediación da administración e os "abusivos" servizos mínimos

Continúa aberto o conflito da limpeza no HVdX ante a posible mediación da administración e os "abusivos" servizos mínimos

Anunciaban a semana pasada unha nova folga indefinida, pero a situación das traballadoras da limpeza do Hospital Virxe da Xunqueira segue complicándose. Esta semana veñen de coñecer a proposta da Xerencia para os Servizos Mínimos, que consideran dende a CIG "abusivos"; mentres que Limpisa, a empresa responsable do servizo, vén de rechazar a mediación da administración para buscar unha solución ao conflito.

Mediación da administracións

A CIG e a UGT, organizacións sindicais que representan ás traballadoras e traballadores do servizo de limpeza do Hospital de Cee, queren denunciar publicamente "a negativa da empresa concesionaria do servizo, Limpisa Grupo Norte, a aceptar a mediación do Consello Galego de Relacións Laborais para buscar unha solución dialogada ao conflito".

Segundo informan, a CIG e a UGT solicitaron esta mesma semana un AGA (acordo interprofesional galego sobre procedementos extraxudiciais de solución de conflitos de traballo) no Consello Galego de Relacións Laborais coa intención de acadar unha solución dialogada ao conflito que se está a vivir no servizo de limpeza do Hospital Virxe da Xunqueira, diante da "reiterada negativa da empresa e a Xerencia a abrir unha mesa de negociación".

Pero segundo denuncia a CIG, "sorprendentemente, Limpisa négase a someterse á mediación da administración galega, a pesar de que por esta vía poderíase mesmo conseguir a suspensión da folga indefinida -que comezará o luns 23 de xaneiro-". As organizacións sindicais entenden que "este rexeitamento da mediación débese ás presións realizadas pola Xerencia do Hospital, que amosa así unha vontade nula para buscar unha solución ao conflito, unha falta absoluta de responsabilidade, tendo en conta que a folga afecta a un servizo público especialmente sensíbel, e un incomprensíbel interese por fechar calquera vía de negociación".

Así os sindicatos propoñen, como punto de partida, a creación unha mesa de negociación conxunta.

Servizos mínimos "abusivos"

Ao tempo, A Xerencia prantexaba á representación das traballadoras do servizo limpeza do Hospital de Cee unha proposta cos Servizos Mínimos. E a reposta dos sindicatos foi directa cunha denuncia diante da Inspección de Traballo contra a empresa Limpisa Grupo Norte e contra a Xerencia do Hospital de Cee "por pretender impor uns servizos mínimos de preto do 100% para o paro indefinido convocado a partir do 23 de xaneiro. Dende a CIG e UGT entendemos, que estes mínimos, que ademais non foron negociados, vulneran o dereito á folga e desvirtúan a medida de presión".

Denuncian ademais que "a dirección da Empresa e a Xerencia do Hospital néganse a manter unha xuntanza para negociar os servizos mínimos e, de feito, a actividade mínima que pretenden impor para as xornadas de folga foi decidida unilateralmente e comunicada á parte social só de xeito verbal. Estes pretendidos servizos mínimos afectarían na maioría dos casos ao 100% do servizos mentres que noutros acada o 85%".

Novas relacionadas

Fonte

  • Nota de prensa da CIG-Cee.

Comentarios