O BNG escoita e traslada as reivindicacións do comité de empresa de XEAL
O BNG da Costa da Morte recibía este xoves no local do grupo en Corcubión (ao serlle negada a entrada no local sindical da factoría en Cee), a varios representantes do Comité de Empresa de Xeal, que están a denunciar a grave situación na que se atopa a negociación colectiva, marcada pola perda continuada de poder adquisitivo, o bloqueo empresarial e un deterioro xeral das condicións laborais.
Os deputados da formación nacionalista no Parlamento galego, Oscar Insua e Xosé Manuel Golpe, escoitaron as demandas e avanzaron que van trasladar a situación ao parlamento galego e ao Congreso. Oscar Insua manifestou ao respecto que “lamento a actitude da dirección da empresa e a falta de talante por negarnos a entrada a min e a Xose Manuel Golpe no local do comité. Parece que as portas só llas abren aos políticos cando lle interesa á empresa, a diferencia nosa, que sempre abrímoslla a todo o mundo para falar de calquera tema. En todo caso, tomamos nota”.
Insua declarou que “é unha burla que as subidas que propón a empresa estean moi por abaixo do IPC, cando as perdas acumuladas dos salarios superan o 11%. Ademais perdéronse nos últimos anos máis de 80 postos de traballo, e estanse cubrindo con horas extras e traballos temporais precarizados. É un auténtico despropósito que pase esto na principal empresa da comarca”.
Por último, os deputados do BNG comprometéronse a pedir novamente que calquera concesión de aproveitamento hidráulico dos ríos quede vinculado ao mantemento da produción de ferroaleacións e de novos postos de traballo.
“Ten que existir repercusión dos beneficios empresariais na comarca. Non pode ser que se lle dean subvencións públicas á empresa e que non cumpran a súa función, como as recibidas para renovar as depuradoras, que están paradas, iso non pode ser. Tamén imos estar vixiantes no compromiso de creación de novos postos de traballo na fabricación de carbón vexetal, porque recibiron 9 millóns de euros públicos”, insistiu o deputado Oscar Insua.