As Asembleas autorizan o Comité de Xeal a empezar as mobilizacións para forzar a negociación do convenio
As asembleas de traballadores celebradas o pasado mércores, a plantilla das fábricas de Xeal (Energo-Pro), expresaron "de maneira clara e inequívoca o seu apoio á posición defendida polo Comité de Empresa no marco da negociación colectiva". As asembleas puxeron de manifesto un clima de unidade, indignación e firmeza entre a plantilla.
Nelas, segundo os voceiros do Comité Iván Pequeño e Jual Vilar, "quedou en evidencia a actuación da dirección de Xeal (Energo-Pro), que trasladou ás persoas traballadoras unha información parcial, interesada e orientada a manipular a súa opinión, omitindo deliberadamente cuestións fundamentais do proceso negociador e falseando a realidade da negociación". Unha estratexia que "identifica con claridade esta estratexia como un intento consciente de dividir, presionar e debilitar á súa representación legal, en lugar de avanzar cara a un acordo xusto e equilibrado", sinalan.
Para o Comité, "esta forma de proceder constitúe un ataque frontal á negociación colectiva e á lexitimidade do Comité de Empresa como representantes legais das persoas traballadoras, nun intento de desacreditar o seu papel e presentalo como un obstáculo cando o único que fai é defender dereitos laborais fundamentais e o mantemento do poder adquisitivo".
Para os traballadores ademais, "resulta especialmente grave que esta actitude se produza nunha empresa que obtén beneficios económicos moi relevantes, se beneficia de importantes subvencións públicas e opera grazas a unha concesión administrativa para a xeración de enerxía. Nun contexto así, resulta inaceptable e insultante que as persoas traballadoras teñan que seguir asumindo a perdida de dereitos sociais e poder adquisitivo, mentres a empresa consolida resultados positivos".
O Comité asegura estar disposto a negociar mentres segue esperando a resposta da Consellería á solicitude de reunión que lle ten trasladada.





