O BNG urxe ao goberno galego a actuar xa nas travesías urbanas de Cee

Oscar Insua, acompañado dos edís do BNG local Serxio Domínguez e Montserrat Canosa, na entrada á vila ceense pola entrada sur da AC-550

O BNG vén de urxir á Xunta a que proceda a mellorar as travesías urbanas no municipio de Cee, rematando “canto antes” a redacción dos proxectos de urbanización das estradas AC-552  e AC-550 ao seu paso pola vila ceense, para logo licitar a súa execución. 

A través de diversas iniciativas do deputado Oscar Insua no Parlamento galego, os  nacionalistas reclaman que se inclúa neses proxectos a construción de espazos peonís alí onde non existan, e nomeadamente no lugar de Bazarra nas zonas dos supermercados e da gasolineira; así como mellorar a sinalización en ditas vías de titularidade autonómica no termo municipal de Cee.

Oscar Insua, acompañado dos edís do BNG local Serxio Domínguez e Montserrat Canosa, achegouse á vila ceense para comprobar de primeira man as necesidades en materia de seguridade na Avenida Fernando Blanco (AC-550) e na Avenida de Fisterra (AC-552, que constitúen as principais arterias de comunicación no municipio.

O parlamentario Oscar Insua manifestou que "vai sendo hora de que o Partido Popular da Xunta actúe nas travesías urbanas de Cee; a cantos accidentes hai que chegar para que fagan algo desde a Axencia Galega de Infraestruturas (AXI)?”.

Pola súa banda, o portavoz do BNG de Cee, Serxio Domínguez, declarou que “nós xa nos interesamos por esta problemática desde hai tempo e levamos ao parlamento o asunto, e pedimos que a Xunta asuma a súa competencia, e en colaboración co Concello tome medidas para que os índices de sinistralidade nas travesías de Cee sexan os máis baixos posíbeis”.