Cee coñeceu de primeira man como se vive a bordo da Global Sumud Flotilla

Boa oportunidade de vivir en primeira o que pasou na Flotilla da Liberdade que viaxou ata Palestina en 2025. Unha vintena de persoas acudiron onte á Biblioteca do IES Fernando Blanco para a presentación do libro "Diario a bordo do Sirius", nun acto organizado por Coap - Costa da Morte. Manuel García Morales* (Manolo Teniente), sindicalista, internacionalista e activista polos dereitos humanos, debullou como foi a súa experiencia naquela viaxe. 
Fixo un repaso polo contexto histórico que explica a situación actual de Palestina, e a continuación analizou o xenocidio que o sionismo leva perpetrando durante case 80 anos. Denunciou o continuo incumprimento do chamado acordo de paz, e as condicións nas que segue a vivir o pobo de Gaza: destrución, sen auga potable, sen comida, sen hospitais, nun presente cruel e sen futuro, todo isto provocado por un estado asasino ante a pasividade do mundo. 

Porén, destacou como a solidariedade civil organizada foi quen de artellar unha misión humanitaria e política inmensa: a Global sumud flotilla, na que el participou no 2025. Manuel falou da súa experiencia nesta expedición e animou a apoiar este domingo 12, e durante todo o traxecto,  a acción solidaria de maior envergadura nunca artellada: a Global Sumud flotilla 2026.