A CIG denuncia o veto dunha reunión institucional por parte da dirección de XEAL

Fábrica de Cee

A sección sindical da CIG en XEAL denuncia publicamente a actitude da dirección da empresa tras impedir a celebración dunha reunión solicitada por deputados do BNG que querían coñecer de primeira man a situación da negociación colectiva e a realidade laboral da compañía desde a perspectiva da representación legal das persoas traballadoras.

A negativa a permitir este encontro nas instalacións da factoría constitúe "un feito grave e unha mostra evidente de desprezo cara ao cadro de persoal e aos seus representantes", sinalan. "Esta decisión evidencia a falta de talante conciliador e democrático da dirección, así como unha preocupante ausencia de respecto institucional".

Desde a sección sindical consideran que esta actuación confirma unha práctica reiterada: "a censura de todo aquilo que non sexa propaganda favorable á empresa". “XEAL só abre as súas portas cando se trata de proxectar unha imaxe amable e interesada, recibindo representantes políticos unicamente cando serven para reforzar os seus intereses propagandísticos e destacar supostas bondades da súa xestión”, critican.

Pola contra, "cando o obxectivo é escoitar a realidade da negociación bloqueada, a perda continuada de poder adquisitivo ou os incumprimentos denunciados pola parte social, a resposta é o veto e o peche de portas”.

A representación sindical denuncia tamén os métodos de presión empregados para condicionar o clima laboral. Entre estes, sinalan actos “almorzos coa CEO” nos que, segundo trasladan traballadores e traballadoras, desde a dirección se lanza a mensaxe de que quen non estea conforme coa situación pode “coller a porta”. "Unha forma inaceptable de coacción que evidencia un modelo de relacións laborais baseado na presión e no medo, en lugar do diálogo e do respecto", sinalan.

 

Máis novas do conflito