Emotiva entrega da XIII edición dos Premios Académicos Fernando Blanco

Fermosa e emotiva mañá de venres a desenvolvida no salón de actos do IES Fernando Blanco, con motivo da entrega da XIII edición dos Premios Académicos Fernando Blanco correspondentes ao pasado Curso 2023- 2024, os cales estiveron organizados conxuntamente pola Fundación Fernando Blanco de Lema e polo IES Fernando Blanco de Cee,

O acto comezou coa tradicional ofrenda floral no sepulcro do fundador, situado na capela do centro educativo, o cal foi depositado polo
alumnado premiado nesta XIII Edición como mostra de cariño, admiración e eterna gratitude, e acompañado polos acordes do Himno de Galicia interpretado maxistralmente á gaita polo alumno Israel Caamaño.

Os discursos da cerimonia correron a cargo de Darío Areas Domínguez (Secretario da Fundación), do alumnado premiado, de Sonia Lopez, Directora do Instituto e de Margarita Lamela, Alcaldesa de Cee, a cal foi a encargada de pechalo evento.

En todos eles estivo moi presente a figura de D. Fernando Blanco de Lema, todos quixeron louvar a súa figura e o seu altruísmo, froito do cal, Cee conta cun dos centros educativos de referencia de Galicia dende finais do século XIX, e motor do desenvolvemento educativo, cultural e social da vila e da contorna.

A música da cerimonia estivo a cargo do Trio de Acordeóns da Escola de Música de Cee, formado polo Director Fernando Fraga e polos alumnos Pablo Canosa e Brais Varela, que interpretaron dous temas do Trío polaco Motion titulados “Libertyn” e “Heart”; así como tamén polo dúo formado pola profesora Sofía Cendán e a alumna do Instituto Itzel Walche, que ofreceron o coñecidísimo “No dudaría” de Antonio Flores.

Foto de familia XIII edición dos Premios Académicos Fernando Blanco4

Os Premios

Auditorio cheo no IES cos premiados na primeira fila

As notas dos premiados/as desta edición oscilaron entre o 9,14 e o 9,70.
Cada un dos Premios está valorado en 500 € (280 € en metálico e 220 € en vales de compra doados polos establecementos colaboradores).
Os premiados nesta octava edición dos Premios Fernando Blanco foron:

  • BRAIS LEMA MARTÍNEZ (1º CICLO MEDIO – XESTIÓN ADMINISTRATIVA)
  • NEREA OZÓN CAMBEIRO (1º CICLO SUPERIOR - ADMINISTRACIÓN E FINANZAS)
  • LUCÍA CANOSA LESTÓN (3º ESO)
  • MATEO COUSILLAS LEMA (1º BACHARELATO)
  • MARIÑA SUÁREZ FRANCO (1º BACHARELATO)

Os premios contan  coa colaboración varias entidades e firmas comerciais (Abanca, Semáforo de Fisterra, Centro Comercial Finisterrae, Roberto G. Rigaut S.L. - Mapfre Seguros, Xeal, Fersi Papelería, Ler Librerías, Aurora Sport Dequip, Cabo Sport, Parques e Xardíns Manuel García e Inforneria).