Licitan un proxecto para mellorar as urxencias no Hospital de Cee

Anunciaba esta semana a contratación de dous novos enfermeir@s para o Centro de Saúde de Cee. Pero son moitas as necesidades nos edificios sanitarios da comarca. Entre eles o Hospital Virxe da Xunqueira, para o que anunciaban onte a licitación do proxecto de mellora das urxencias do Hospital de Cee nos vindeiros días, para o que se estima un investimento, entre obra e equipamento, de 400.000 euros.

As novas urxencias contarán cun circuíto específico permanente e independente para a atención e illamento diferenciado dos pacientes con patoloxías respiratorias, incorporando un novo control de enfermería para ese dobre circuíto. Ademais, as novas dependenciais engadirán aos actuais sete boxes de observacións e ao único existente para pacientes illados outros 5 boxes, todos eles preparados para pacientes illados. Tamén se incorporarán unha nova sala de traballo médico e unha nova de traballo de enfermería.

O Sergas tamén porá en marcha neste mes, no Servizo de Oftalmoloxía deste hospital, as consultas de retina médica e os tratamentos intravitreos que afectan á retina. Estará dispoñible todos os martes e os xoves en horario de tarde.