O abeto grego da Fundación Fernando Blanco "resucitou" en forma de talla

Manuel Canosa xunto con Eva García presentando a talla realizada co Abeto grego centenario da Fundacion Fernando Blanco

Moita emoción vivida este xoves 17 de outubro no salón de actos do IES Fernando Blanco. No marco do completo programa do Mes da Fundación, o centro acollía a presentación da talla realizada por Manuel Canosa, coa madeira dunha pola do abeto grego centenario caído o pasado ano por mor dun temporal. Un día que quedará gravado na historia da entidade, pois poucas veces se ve "resucitar" unha árbore.

O autor da talla, que fica como homenaxe a Fernando Blanco de Lema en particular, e ao legado educativo e cultural da emigración galega en xeral, non é outro Manuel Canosa Santamaría, ex alumno do Instituto e ex profesor durante 34 anos do mesmo.

Rodeado da súa familia, dos integrantes do Padroado da Fundación, do equipo directivo do Instituto e profesorado, das autoridades locais e de moitos amigos que non quixeron perder tan especial ocasión, puidemos por fin admirar a obra xurdida da imaxinación e das prodixiosas mans do artista, a cal foi descuberta polo propio autor e por Eva García, Presidenta da Fundación.

Manuel Canosa posou coa súa familia, Concha Blanco e María Blanco 

 

Interviu en primeiro lugar a Directora do Instituto e integrante do Padroado da Fundación, Sonia López, que ademais de dala benvida a todos os que alí se reuniron, falou do vínculo emocional e profesional que a une con Manuel Canosa, dado que foron compañeiros de traballo no centro educativo.

Posteriormente o Secretario da Fundación e técnico do Museo Fernando Blanco, Darío Areas, indicou que si xa de por si outubro era un mes cun significado especial para a entidade polo feito de que outubro foi o mes de nacemento do mecenas e tamén de inauguración do Instituto, contábase agora cun motivo a maiores para que outubro siga a ser o mes por excelencia da Fundación.

Areas relatou como dende a Fundación e dende o Instituto tívose moi claro, dende o primeiro momento, que o abeto tiña que seguir vivo e presente, dalgún xeito, no día a día da vila. E así, decidiuse que coa súa apreciada madeira fixéranse dúas obras para que a súa memoria perdurara na lembranza dos ceenses. Por un lado o luthier Daniel Romar está a construír un clavicémbalo, instrumento de corda pulsada parecido a un piano, clara chiscadela ás ensinanzas musicais que neste centro se impartiron dende o ano 1888, e que fixeron que na actualidade a música sexa un dos sinais de identidade da nosa localidade.
 

Manuel Canosa falando

Por outro lado déuselle traslado a Manuel Canosa Santamaría de elaborara unha talla cun anaco dunha das pólas do abeto coa mensaxe que dende a Fundación se quería trasladar con ela: a débeda que Cee ten con Fernando Blanco de Lema en particular, e tamén, por extensión, a eterna e impagable débeda que Galicia ten coa emigración.

E para rematar, Manuel, que ten unha profunda vinculación co centro educativo do que foi alumno durante 6 anos e, posteriormente, profesor durante 34 anos, relatou a ilusión que lle fixo cando se lle deu traslado do encargo, encargo que para el era unha oportunidade para agradecer, de xeito persoal, a xenerosidade e altruísmo de D. Fernando Blanco de Lema.

Ademais dalgunha anécdota graciosa relacionada co abeto, abordou con detalle o proceso de traballo realizado ata chegar ao resultado final. Os cortes que aparecen, a xeito de banzos, indican os pasos que hai que ir dando na vida para alcanzar obxectivos. No primeiro, aparece un neno de costas, pantalón curto e cunha maleta, simbolizando o duro momento da partida lonxe da terra. Dese primeiro banzo sae un globo de pensamento que abrangue os chanzos seguintes; no segundo figuran un libro, tinteiro e pluma, que xunto coa silueta do Instituto Fernando Blanco no terceiro, son unha clara alusión ao impagable legado da emigración para o desenvolvemento educativo e cultural de Cee en particular, e de Galicia en xeral. 

Máis novas