Maraxe, outra das bandas xuvenís da Costa que volve ao R&R
Falabamos hai unhas semanas da irrupción de Dosis Letal, a nova do sur da comarca que se estreaba no Mercado Cultural de Fisterra o pasado mes de febreiro. Unha cita que poderá ser lembrada no futuro como o día do nacemento de varias bandas da nova era do R&R costeiro. Porque se ademais de ser unha das primeiras que se puido ver sobre o escenario á fisterrá Julia, ese día tamén debutaba a banda “Maraxe”, outro grupo de mozos e mozas que apostan polas guitarras e os sons doutra época.
Helena Canosa Durán (frauta traveseira), Mateo Vázquez Trillo (guitarra), e Clara Delgado Llamas (á batería e á voz) forman esta nova banda, que tamén aproveita as sinerxias do rescatado Local de Ensaio de Corcubión. “Somos uns rapaces de 14 anos que comezamos a dar os nosos primeiros pasos no mundo da música”. Mateo é de Ameixenda, Helena de Cee e Clara de Vigo, en Fisterra, e os tres cursan 3º da ESO no IES Agra de Raíces, onde xa teñen demostrado a súa arte.
”Un día dixemos de tocar algo no instituto e pouco a pouco imos collendo ritmo”, Por agora aínda están definindo o seu estilo e a formación está aberta, pero teñen claro o que “enfocámonos sobre todo no rock ou rock-pop”.
Así o ratifican as súas referencias. “Os grupos que nos gustan son bastante variados”, cóntanos Clara. “A Mateo gústalle Radiohead e como banda galega Triángulo de Amor Bizarro. Eu escoito máis música en inglés, e o meu grupo favorito con moita diferencia é Queen, pero tamén me interesan The Beatles ou Stevie Wonder. Helena escoita Destripando la Historia e Catuxa Salom”, apunta a ceense.
Se ben esperan darlle máis forma ao proxecto durante o verán, por agora xa teñen un repertorio de 8 temas, versionano míticos de Hombres G, Queen, The Beatles, David Bowie ou clásicos como Miña Terra Galega e We Will Rock You. Temazos que puideron gozar no Mercado Cultural fisterrán e que pronto veremos sobre outros escenarios.