O Entroido costeiro viviu unha completa traca final

Dúas semanas completas de festa para este exitoso entroido costeiro. A sensación é que a xente gusta desta festa, e malia que se bota de menos que sexa todo o mundo, máis alá das comparsas, o que se disfrace, esta, unha das poucas festas paganas do ano, xa é unha referencia.

Vivimos estes días unhas fúnebres citas cos Enterros verdadeiramente espectaculares, sendo protagonista a comarca de Bergantiños. Se por Muxía tocaba o novedoso enterro do Percebe da Barca, e en Camariñas facían ata velorio pola Sardiña, en Malpica sacan aos seus senlleiros persoeiros. Pola capital malpicá sacan ao Faustino, por Seaia ao Farruco, pero é a Mikaela de Buño a gran cita para a mocidade de toda a comarca.

Milleiros de rapaces achéganse a seguir o grande cú desta fresca polo auténtico via crucis de bares, para rematar na quima da praza a golpe de zapatilla. Verdadeiras xoias que se viron nos traxes de Buño.

Entroidos en Cee e Baíñas

Esperou ao sábado de Piñata o Concello de Cee para realizar este concurso de comparsas do entroido. E saíulle ben a xogada, pois o día axudou, a xente aínda tiña moitas gañas de troula, e houbo unha boa convocatoria entre as comparsas. De feito, o público ceense puido disfrutar das comparsas que máis exito tiveron este ano.

Así, Buxantes Calidade co seu Rei León foi a triunfadora da noite. Tras vencer en Fisterra, os dumbrieses celebraron onte dúas novas vitorias, en Cee e mais en Baíñas. En Cee tiveron que superar á Granxa Deshauciada de Lires (da Asoc. Cult. Pedras Miúdas), e máis á Invasión Guracha (da AA.VV. de Gures. “As Caldeiras”), pero é que tamén estiveron os muradáns da Comparsa A Ruierada (Soc. Cult. Montelouro), que por suposto estiveron no entroido de Muros, Os Reciclados (da A.C. Terra de Sena”), A romería dos molladiños (Mª Cristina Fraga Ramilo) e máis "Os paiasos de Brens", unha gran convocatoria.

Simpáticos foron tamén os gañadores do concurso de parellas, con Rafael Quintáns á cabeza e o seu Taponeo, en alusión á campaña solidaria que fixeron no Agra Raíces.

Pola súa banda, en Baíñas, os de Buxantes tiveron nada menos que en fronte ás Danzatecas, que tras vencer o certame de Vimianzo, e máis gañar un premio no de Santiago e no de Padrón, chegaba disposto a pechar o ano dando guerra. E a houbo, pero finalmente decantouse a balanza para os dumbrieses, por diante tamén dos Angry Birds soneiráns.

Todo, para pechar un entroido completo, que se sitúa como unha das festas máis agardadas do ano na Costa da Morte.

Novas relacionadas

Mais novas

  • 2012: A Mikaela peregrinou por todas as tabernas de Buño.
  • 2011: A Mikaela, un Vía Crucis de bares.
  • A historia do Don Caietano.
  • Cerqueda recupera o seu patrimonio coa gravación dunha Polafía.
  • Fonte

    • Redacción de QPC (info@quepasanacosta.gal).