O IES Agra de Raíces está de wiki-noraboa

Días de actividade para toda a familia do IES Agra Raíces. De feito, a ANPA vai recoller hoxe martes aos franceses que chegan ao centro educativo ceense como actividade de intercambio, e o mércores terán o recibimento no Concello.

Pero hoxe centrámonos en outras dúas actividades, como é un concurso de sabedoría e unha fantástica viaxe.

Concurso Wiki

A facultade de Informática da Universidade da Coruña, en colaboración coa asociación Anita Borg, organizou o concurso Wikinformática que consistía na elaboración dunha Wiki en galego sobre mulleres destacadas no eido das Tecnoloxías da Información. Os participantes, a partires dunha fotografía, debían adiviñar de qué muller se trataba e elaborar unha biografía en formato Wiki.

Os alumnos de 1º de bacharelato de TIC do Agra de Raíces, capitaneados pola súa profesora Sonia López, participaron con 3 equipos, Hipatia, Wonenburger e Gauss , que competiron neste proxecto con outros 19 equipos do resto de Galicia.

Esta pasada semana, durante a celebración da Semana de Anita Borg na Coruña, fíxose pública a deliberación do xurado obtendo o primeiro premio o equipo Agra_Hipatia do Agra de Raíces , que según as verbas do xurado, ademais de presentar unha wiki de calidade realizou unha ampla labor de difusión. Non conformes con isto obtiveron tamén unha mención especial ó equipo Agra_Wonenburger polo traballo visible, os detalles da súa presentación e as referencias á galipedia dentro do texto da wiki.

Queren enviar dende o centros os seus agradecementos á facultade de informática da Coruña, ó Colexio de enxeñeiros informáticos de Galicia e ó administrador da Galipedia, por premiar o traballo da familia ceense e pedir desculpas por non poder acudir á entrega de premios, pois coincidiu coa súa viaxe á Andorra. Queren tamén, saúdar ó resto de alumnos e profesores que formaron os demais equipos participantes, en especial ós compañeiros do equipo Gauss que traballaron a diario na súa wiki.

Así mesmo, a profesora da materia de TIC, quere agradecer públicamente ás alumnas e alumnos dos tres equipos o seu esforzo, traballo e interese na participación do concurso, non é fácil traballar en equipo e elaborar unha wiki competindo entre eles, pero conseguírono obtendo ademais un papel moi relevante no concurso. Unha mestra que está orgullosa dos seus rapaces.

  • EQUIPO HIPATIA: María Lago, Sofía Trillo, Daysi Güiracocha, Lara Lema, Aitor Calo , Alba Trillo e Iván Barrientos coa profe de TIC.
  • EQUIPO WONENBURGER: Pablo Ríos, Isabel Sixto, Sonia López(profe de TIC), María González, Estefanía Toja, José Miguel Caamaño e Cristian Martínez.

Semana Branca IES Agra de Raíces

Recén chegados ás súas casas os alumnos e alumnas de 1º de bacharelato do Agra de Raíces que veñen de pasar unha semana nevada en Andorra.
O sábado 31 de xaneiro embarcaron cara as pistas de PAL-ARINSAL en Andorra 33 alumnos e 2 profesoras para pasar alá unha semana completa desfrutando deste custoso deporte. Moitas horas de autobús que valeron a pena sen dúbida para logo pasar alí unha semana fantástica.

Todos os días acudían a clases de esquí con monitores que lles ensinaron as tácticas e aspectos máis importantes deste deporte, para logo practicar e desfrutar nas horas libres.
Houbo tempo, ademais, para visitala cidade e pasar unhas horas relaxados no centro termolúdico Caldea para recuperar a vitalidade.

Mandan ademais un saúdo ós alumnos e profesores do IES Salvador de Madariaga e Rafael Dieste da Coruña que os acompañaron durante toda a viaxe.

Novas relacionadas

Fonte

  • Información do Agra Raíces da man de Sonia López.