Pídenlle á Xunta que obrigue a Xeal a recuperar os 80 empregos eliminados nos 6 últimos anos

De 293 traballadores en 2019 aos 210 actuais. Máis de 80 postos de traballo perderon as fábricas de XEAL nestes últimos 6 anos, segundo denuncian a CIG e o BNG.

Ante esta situación, o deputado do BNG da Costa da Morte, Oscar Insua, vén de presentar varias iniciativas no Parlamento galego nas que esixe á Xunta de Galiza que obrigue a Xeal á inmediata posta en marcha de todos os fornos e á cobertura de todos os postos de traballo destruídos dende 2019 nas fábricas de Cee e Dumbría, tanto no referente ao cadro de persoal como ao emprego eventual e auxiliares.

Piden ao goberno galego que “exerza as funcións de control e supervisión do cumprimento das cláusulas de vinculación de actividades de ferroaliaxes e produción hidroeléctrica, para esixir o mantemento do emprego, recuperar a actividade dos fornos ou, se procedese, reverter os dereitos de explotación”.

Lembraron que a empresa contou cun “investimento público millonario, como o peirao en Brens hoxe sen case trafico marítimo, ou agora, levando unha axuda de 9 M€ para producir carbón vexetal. Onde está a compensación e os beneficios para comarca?”

Desde o BNG lembraron que a xustiza desbotou a posibilidade de segregación de actividades pretendida pola compañía, e sinalaron que “hai que esixirlle á Xunta, e concretamente a Augas de Galiza, que faga cumprir as decisións xudiciais nos seus estritos termos, obrigando á empresa a aumentar a produción de materiais de ferroaliaxes, chegando ao número de empregos existentes na data de interposición da demanda, 293 traballadores, e en caso contrario rescindir e reverter algunhas das concesións hidroeléctricas e volvelas a sacar a concurso para que sexan outras empresas as que opten a esa produción enerxética co obxectivo de crear outro tipo de empresas e novos postos de traballo na comarca”.

Desmantelamento progresivo

A formación nacionalista apuntou que “toda esta estratexia empresarial xera unha situación de incerteza na comarca, xa que ao desmantelamento constante e continuo da produción industrial e á perda de emprego, hai que sumarlle a posibilidade doutra nova venda do complexo a sociedades fantasmas, interpostas ou creadas en paraísos fiscais, aumentando a sensación de que a empresa Xeal converteuse nun complexo industrial especulativo”.

Mais novas