A declaración da fábrica de carbón vexetal de XEAL como proxecto estratéxico non evita a preocupación dos traballadores pola segregación

Non é un proxecto novo, pero non deixa de ser destacable a declaración de Proxecto Industrial Estratéxico por parte da Xunta da futura planta de carbón vexetal de XEAL. É o 11º proxecto que a Xunta destaca con esta prioridade, supoñendo un 21,6 M€ e a creación de 15 empregos directos e outros tantos indirectos.
Destacan que a planta, cuia ubicación inicialmente era concebida no termo municipal de Dumbrúa, permite contribuír á descarbonización do proceso produtivo da planta de fabricación de ferrosilicio, ao permitir a substitución de 15.000 toneladas anuais de carbón mineral.
A nova non é mal recibida polos traballadores das fábricas, que entenden positivo que se declare proxecto estratéxico. Porén, aumenta a preocupación polo cumprimento das cláusulas das concesións, e o mantemento da vinculación entre as fábricas e as centrais hidroeléctricas. Para os traballadores a pantasma “segregación” segue estando moi presente, lembrando que xa son máis de 80 postos directos perdidos nos últimos anos nas fábricas de ferroaliaxes que non os vai crear a fábrica de carbón vexetal.
De feito, a empresa xa ten manifestado que construiría a fábrica sempre que a Xunta lle deixase vender as centrais e segregar a actividade.